Luis Álvarez manifestou o apoio á concentración para solicitar os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear para o HULA

Miércoles, 16 de enero de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Na Xunta de Goberno Local aprobouse a continuidade, con axuda da Comisión Europea, da oficina Europe Direct Lugo

O portavoz e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá e na que destacan os acordos relacionados coa actualización segundo o IPC e a suba do IVE nas empresas que prestan servizos.

Luis Álvarez informou que se acordou a aceptación da subvención da Comisión Europea para o mantemento da oficina Europe Direct Lugo asi como a sinatura do Convenio Específico de financiación 2013 polo que o Concello de Lugo se compromete a cofinanciar o Centro de Información Europe Direct Lugo. Desta maneira acéptase a subvención de 25.000 euros por parte da Unión Europea e o Concello comprométese a financiar a outra metade.

Esta Oficina, que pertencen á rede de Centros de Información Europea, é o punto desde o que o Concello de Lugo ofrece un servizo de proximidade que permite aos cidadáns obter información, asesoramento, axuda e respostas as súas dúbidas sobre a lexislación, as políticas, os programas e as posibilidades de financiación da Unión Europea. Entre os seus obxectivos destaca o fomento de intercambios e entendemento entre as institucións europeas e facilitar aos cidadáns un diálogo máis aberto coas institucións da Unión Europea. Este Centro permanece aberto de luns a xoves en horario de 8:30 a 14:30 e de 16:00 a 19:00, e os venres de 8:30 a 14:30.

Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou actualizar o contrato coa adxudicataria dos servizos de ensinanza deportiva por mor das esixencias legais debidas ao incremento do IVE segundo o Real Decreto Lei aprobado polo Goberno Central. Desta maneira, o imposto pasa de ser un 7% a un 21%, “unha cantidade moi alta que demostra a repercusión tanto para as administracións como para as empresas privadas e o esforzo que teñen que facer para manter os servizos” segundo declarou Luis Álvarez. Neste sentido, tamén informou que para o Concello supoñen case 60.000 euros a maiores, quedando o prezo máximo anual do contrato en 742.265 euros.

Outro dos acordos foi a actualización do IPC tanto na adxudicataria do servizo de prestación de actividades de animación sociocultural, quedando o contrato en 350.152 euros trala revisión, e o servizo de mantemento dos contidos da páxina web, cun contrato de 24.845 euros.

Servizos para o HULA

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, apoiou a manifestación, convocada polas asociacións veciñais para o sábado día 19, para solicitar os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear para o Hospital Universiario Lucus Augusti. Segundo díxo “trátase duns servizos básicos e necesarios xa que os veciños e veciñas de Lugo temos os mesmos dereitos que o resto de galegos a ter as mesmas condicións sanitarias”.

Luis Álvarez expresou o seu desconcerto coa actitude do Partido Popular de Lugo ao non apoiar unha necesidade básica para a cidade. Neste sentido lembrou que no ano 2007 o Partido Popular presumiu de presionar, xunto cos veciños, para conseguir o servizo de hemodinámica para o Hospital de Ourense. “Penso que agora é o momento para que respondan porque en Ourense si presionan e en Lugo entenden que non hai razóns para que ese mesmo servizo entre en funcionamento”. 

Multimedia