As obras de rehabilitación da ponte vella deixan ao descuberto importantes elementos construtivos de orixe romana

Martes, 14 de agosto de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O alcalde en funcións, o nacionalista Antón Bao, visitou hoxe os traballos que se están a realizar e destacou que se trata “dunha das obras de rehabilitación máis importantes que se fixo na cidade de Lugo nas últimas décadas que vai permitir poñer en valor un importante elemento do patrimonio da cidade”

Bao dixo que a Policía Local reforzou a súa presencia no barrio da Ponte para evitar os problemas de tráfico ocasionados polo corte da ponte vella e dixo que "as solucións que propón o PP non son viables tecnicamente"

As obras de rehabilitación da ponte vella deixaron ao descuberto importantes elementos construtivos de orixe romana que poñen de manifesto o valor histórico e monumental do viaduto. O alcalde en funcións, o nacionalista Antón Bao, que visitou esta mañá as obras acompañado por arqueólogos e técnicos do Concello, destacou que se trata “dunha das obras de rehabilitación máis importantes que se fixo na cidade de Lugo nas últimas décadas e que vai permitir poñer en valor un importante elemento do patrimonio da cidade”.

A rehabilitación da vella ponte romana de Lugo servirá para que o viaduto recupere a súa imaxe orixinal. Os traballos consistirán na retirada dos elementos engadidos en reformas posteriores e na substitución das canalizacións e do cableado que hoxe cruza pendurado pola ponte. Antón Bao comparou o que se está a facer na ponte vella co que no seu momento se fixo na Muralla, cando se derrubaron todas as construcións anexas que tapaban o monumento. “Con esta actuación que estamos a acometer imos converter unha infraestrutura viaria nun monumento”, destacou Bao.

Para acometer os traballos foi necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana. A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do tempo que é preciso reparar. Ao achicar a auga das pilastras púidose comprobar a cimentación orixinaria da época romana, así como o sistema construtivo empregado polos enxeñeiros romanos para unir os diferentes sillares, denominado cola de milano, e que se pode observar na ponte de Lugo.

O sistema consistía en facer un rebaixe ás pedras contiguas nas que se colocaba unha peza de madeira, normalmente freixo pola súa dureza, recheando despois o oco de pedra con chumbo fundido, co que os enxeñeiros romanos conseguían unir as distintas pedras cun sistema flexible capaz de absorber as vibracións e posibles movementos do terreo evitando así que as pedras fenderan. Este sistema construtivo, tipicamente romano, pode verse na ponte de Lugo. En moitas outras pontes de orixe romano xa non se conserva como consecuencia de reformas posteriores, moitas veces de orixe medieval, segundo explicou o arqueólogo municipal Enrique González.

Os traballos de rehabilitación da ponte irán acompañados dunha serie de controis arqueolóxicos que poden aportar novos achádegos. As catas levaranse a cabo en varios dos pilares e na zona de asentamento do viaduto no barrio da Ponte, por onde se supón que discorría a calzada orixinaria de orixe romana.

O viaduto recuperará o seu aspecto orixinal

No fondo do leito do río poden verse tamén neste momento como consecuencia de achicar o caudal do río varios dos sillares de pedra do petril da ponte, que foron substituídos en reformas posteriores de finais do século XIX e de 1970 polas actuais pasarelas e barandas metálicas. O proxecto de rehabilitación contempla agora retirar a actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar a ponte e colocar de novo barandas de sillería.

Tamén se cambiará o pavimento, que volverá a ser de pedra de chapacuña (pedra lousa posta de punta) tal como era orixinalmente. Ao mesmo tempo, aproveitarase para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente cruzan colgadas do viaduto, que pasarán a ir agochadas. Está previsto asemade baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño, e subir a rasante no centro da ponte, tal como era orixinariamente.

Os traballos rematarán a finais de outubro

Os traballos, que están sendo executados pola empresa Misturas SA, de Ourense, por un importe de 688.048,56 euros, rematarán a finais do mes de outubro. Durante este tempo estará cortado o tráfico de vehículos pola ponte, pero manterase un paso a pé pola ponte que facilite a mobilidade aos veciños do barrio.

Durante este tempo permanece activado un Plan de Tráfico específico que se levará a cabo durante o tempo que duren os traballos e que foi consensuado coa Asociación de Veciños do barrio. Adoptáronse tamén unha serie de medidas para garantir o servizo de bus urbano, taxi e o acceso para os veciños ao barrio, e nos últimos días reforzouse a presenza da Policía Local para tratar de evitar posibles retencións puntuais que se poidan producir, segundo explicou Antón Bao.

O alcalde en funcións dixo que estes atascos só se producen en momentos moi puntuais, sobre todo cando fai bo tempo e a xente acude en masa ao Club Fluvial a bañarse. Bao dixo que estas retencións xa se producían antes na ponte romana e que agora se trasladaron ao cruce da nova ponte coa Estrada Vella de Santiago e recomendou aos usuarios do Club Fluvial que aparquen no entorno do Pazo de Feiras e accedan a pé, pola pasarela da Fábrica da Luz, ao outro lado do río.

Bao rexeitou as “críticas oportunistas” do Partido Popular e dixo que “tecnicamente non é viable poñer un ceda na Estrada Vella de Santiago, tal como propón o PP, porque é unha vía principal que ten preferencia sobre as demais, polo que en vez de solucionar nada complicariamos máis as cousas”, opinou o alcalde en funcións.

Multimedia