O Goberno local expresa a súa condolencia polo falecemento do Fiscal Xefe

Viernes, 28 de noviembre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Goberno local de Lugo expresou as súas condolencias polo falecemento de Juan José Begué, Fiscal Xefe da provincia de Lugo, tanto á súa familia como ós seus compañeiros da carreira fiscal.

Así o comunicou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados este mércores pola Xunta de Goberno Local.

Luis Álvarez informou de que o Goberno local felicitouse pola decisión do Xulgado de instrucción número 2 de arquivar a denuncia que presentara unha asociación contra a obra de rehabilitación do Vello Cárcere. O Voceiro do Goberno local salientou que con esta decisión xudicial queda demostrado que, tal e como se explicou reiteradamente, o proxecto conta con todos os informes favorables tanto dos técnicos municipais como da Xunta de Galicia.

O Voceiro do Goberno local tamén revelou que o Voceiro do PP, Jaime Castiñeira, pretendeu que varios xefes de servizos municipais lle fixeran informes sobre este  proxecto.

Luis Álvarez explicou que a súa tentativa foi  desbaratada polo Secretario xeral do Pleno, quen deixou claro que non procede que os funcionarios municipais elaboren informes a demanda dun Concelleiro que non ten responsabilidades de Goberno, xa que a oposición, tanto nas Corporacións locais como noutras Admnistracións, dispón doutros cauces legais para levar a cabo o seu papel de control do Goberno. 

Luis Álvarez fixo fincapé en que “non hai normativas a medida das necesidades e frustracións de ninguén” e salientou que “o que non se pode facer é subvertir a realidade pola vía do procedemento administrativo”. Neste sentido, o Voceiro do Goberno local lembroulle a Castiñeira que “non goberna no Concello de Lugo”.

Álvarez explicou, ademais, que o Goberno local aprobou hoxe a ampliación, por dos meses e medio, do prazo de execución da segunda fase da obra de rehabilitación do Vello Cárcere. Esta decisión  está motivada polo tempo necesario para a realización do estudo dos restos arqueolóxicos aparecidos e a situación real da envolvente do edificio en construción de ladrillo e non en pedra das fachadas fronte ó previsto no proxecto.

Vixilancia no Fogar do Transeúnte

Outro relevante acordo tomado hoxe foi o desestimento do procedemento de contratación do servizo de vixilancia do Fogar do Transeúnte que volve sair a licitación e, tamén, se decidiu dar conta do ocorrido ó Consello Galego da Competencia.

O motivo desta decisión é que se detectou unha infracción non subsanable, por canto o prego de cláusulas que rexeu na licitación incluía información sobre o custo laboral dos traballadores adscritos ao contrato que non se correspondía coa realidade e que motivou igualmente un cálculo erroneo do prezo do contrato.

O Voceiro do Goberno local explicou que o Concello actúa de oficio ó ter detectado que se cometeu, presuntamente, unha falsedade por parte da anterior adxudicataria na información proporcionada sobre os salarios xa que o persoal deste servizo ten dereito a ser subrogado á nova adxudicataria.

Neste caso, presuntamente, a anterior adxudicataria subministrou os datos de salarios correspondentes ó convenio colectivo do sector e non os do convenio da propia empresa que, como consecuencia das sucesivas reformas laborais, poden ser inferiores ós estipulados no convenio do sector, como así era o caso.

Persoal

A Xunta de Goberno aprobou a abstención de dous funcionarios noutros tantos procesos selectivos para a cobertura de prazas de persoal municipal ó considerar que hai motivos fundados para elo, xa que existen relacións de parentesco entre estes traballadores e algúns dos aspirantes ás prazas.

Pola contra, o Goberno local desestimou a abstención dunha funcionaria como instrutora dun expedente disciplinario aberto a un traballador municipal e tamén rexeitou a substitución de catro funcionarios como membros de tribunais cualificadores porque non se considera que en ningún dos casos haxa motivos fundados para elo. Neste sentido, o Voceiro do Goberno local explicou que “unha cousa é a creación dun determinado estado de opinión e as declaracións que fan algúns portavoces dixitais e outra que o Goberno lles teña que retirar a súa confianza ós funcionarios do Concello”.

“O Goberno non comparte, en ningún caso, que haxa motivos para retirarlles a confianza a estes funcionarios, de feito, se fora así, tería que abrirlles un expedente disciplinario e podo asegurarlles que non hai o máis mínimo motivo para adoptar esa decisión”, explicou Luis Álvarez.

Outros acordos

A Xunta de Goberno autorizou, ademais, a prórroga do contrato dos servizos complementarios e de colaboración á xestión recadatoria municipal en período executivo, para a xestión administrativa e a recadación das multas de tráfico, de colaboración en materia de inspección e colaboración na xestión en materia catastral. A prórroga foi autorizada ata o 1 outubro 2015 ou a adxudicación do novo contrato e cun importe de 212.748.69 euros, ive incluído.

Tamén foi aprobada a revisión anual de prezos do contrato subscrito coa empresa adxudicataria do servizo de prestación integral das actividades e animación sociocultural ata o 23 de agosto de 2015. O prezo do contrato queda establecido
na cantidade de 162.416,65 euros, ive incluido.

Por outra parte, o Goberno local tomou o acordo de iniciar o expedente para a incautación de 77.800 euros da garantía definitiva á adxudicataria do contrato de deseño, adecuación dos espazos, fabricación e montaxe da instalación museográfica do Museo Interactivo da Historia de Lugo. Esta decisión, que supón a apertura do prazo para a presentación de alegacións pola empresa, débese a existencia de defectos que non foron corrixidos.

Asimesmo, o Goberno local tomou razón de dúas sentenzas, unha que lle dá a razón ó Concello na denegación da licenza de obra para a instalación de estación base de telefonía móbil na rúa Cornubia por incumplir o establecido no PXOM, e outra que anula o decreto polo que se deixou sen efecto a licenza de apertura da actividade dun pub na rúa Mariña Española.

Multimedia