O luns comezan as obras de pavimentación de praza Fonte da Pinguela e da Porta Miñá

Lunes, 21 de enero de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Esta actuación mellorará unha parte importante do barrio da Tinería e completará as obras de rehabilitación da Fonte da Pinguela

A Concelleira de Economía, Emprendementos e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou esta mañá o inicio das obras de mellora na pavimentación e de accesibilidade no entorno da Porta Miñá que comezan este próximo luns 21.

Esta actuación, enmarcada dentro do Plan Urban e financiada con fondos FEDER da Unión Europea, que conta cun presuposto de 78.445 euros e ten unha duración prevista de 6 meses, complementará a rehabilitación da Fonte da Pinguela o que mellorará unha parte importante da zona histórica. “A reurbanización do entorno da Porta Miñá e do entorno do barrio da Tinería é unha accións máis para revitalizar este barrio histórico da cidade” segundo a Concelleira.

Sonia Méndez lembrou que “esta actuación procede dunha colaboración coa Xunta de Galicia, que nun principio tiña previsto facerse cargo tanto da urbanización como do arranxo da fonte pero que, finalmente, por falta de cartos simplemente se fixo cargo da restauración da fonte”. Ante esta situación o Concello de Lugo, nun afán colaborador, “e para que as obras importantes para a cidade se leven a cabo” ofreceuse a financiar as obras de urbanización mellorando a accesibilidade, a pavimentación da praza respectando as torres do corpo de garda e a recuperación da cota orixinal do paso da porta da Muralla.

O proxecto proposto dá solución aos diferentes problemas que se presentaron xa que a zona ten unhas pendentes considerables e ademais é preciso dar acceso a varias vivendas. Tamén se acometerá unha modificación puntual das redes existentes para adaptalas ás novas cotas do pavimento e mellorarase o saneamento. Así, para o pavimento utilizaranse placas de granito gris con acabado abuxardado de diferentes grosores e eliminarase o adoquinado da zona.

www.lugo.es/urban

CORTES TRÁFICO EN PORTA MIÑÁ

A Concelleira de Economía tamén anunciou que ao tratarse dunhas obras complexas vaise cortar temporalmente os accesos pola Porta Miñá tanto ao tráfico rodado como a peóns. Así as alternativas propostas e que estarán debidamente sinalizadas son para peóns a Porta de Santiago e para o acceso de vehículos establécense varios puntos de entrada para os residentes, hoteis e carga e descarga. O primeiro deles é a Porta de Santiago, a segunda alternativa é a través do control de acceso entre a Ronda da Muralla e a Rúa Vilalba e como terceira entrada o control de acceso de Teniente Coronel Teijeiro. A saída da zona da Tinería farase seguindo o itinerario habitual establecido, é dicir pola Rúa Nova.