A Xunta de Goberno Local volve convocar a contratación da páxina web da Praza de Abastos

Miércoles, 07 de noviembre de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

 O Alcalde pide información á Defensora del Pueblo dos motivos da queixa que lle transmitiu a través da prensa e Antón Bao móstrase partidario de revisar a función de institucións como o Defensor del Pueblo ou o Valedor do Pobo

Luis Álvarez considera que a sentenza do TSXG respecto da nouturnidade da Policía Local demostra que o Concello defende os intereses dos cidadáns

Bao reitera que Fraga Iribarne non pode levar o nome dunha rúa porque foi ministro franquista e afirma que “non pode pretender o PP que sexa a afiliación ultraconservadora do Partido Popular a que decida o nome das rúas de Lugo” e Álvarez censura a estratexia do PP de crear falsos debates para ocultar os verdadeiros problemas dos lucenses

A Xunta de Goberno Local acordou hoxe abrir un novo procedemento para a contratación da páxina web da Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros e anular o que fora convocado inicialmente para cumprir coa obriga legal de que todas as ofertas se presentan nun sobre pechado.

O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez, explicou que se decidiu volver convocar este procemento de adxudicación o día 7 de setembro en cumprimento estrito da legalidade, como sempre se fai no Concello, porque a oferta dunha das empresas recibiuse no servizo de Contratación nun sobre que estaba aberto. O Rexistro municipal emitiu un informe no que explica que o sobre abriuse nese servizo para comprobar a qué departamento tiña que ser remitido xa que no exterior non figuraba cal era o seu destino.

Álvarez explicou que a decisión de desistir do procededemento de adxudicación e a convocatoria dun novo é proba de que neste Concello sempre se aplican os principios de transparencia, obxectividade e cumprimento da legalidade. Tamén anunciou que para non perxudicar ós titulares dos postos ata que estea en funcionamento a páxina web facilitaraselles a posibilidade de incluir os seus correos electrónicos nun boletín dixital.

O acordo tomado hoxe pola Xunta de Goberno Local supón volver a poñer en marcha o procedemento de adxudicación do programa de formación e deseño do Portal web para a Praza de Abastos e Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros. O obxectivo é contribuir á dinamización do comercio local e dos postos instalados na Praza e o Mercado, así como axudar á promoción dos produtos da terra. Financiarase con fondos do Plan Urban. O valor estimado do contrato ascende a 77.172 euros, IVE incluído, dos que 10.620 son para o proxecto Formación ocupacional comercio que consta de 100 horas de formación e 66.552 para o proxecto Praza de Abastos que inclúe a realización do Portal Empresarial e incorporación de postos á venda electrónica.

Defensora del Pueblo

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, mostrouse hoxe partidario de revisar a función que cumpren institucións como o Defensor del Pueblo ou o Valedor do Pobo. A preguntas dos xornalistas na rolda de prensa da Xunta de Goberno Local e logo de que a institución que dirixe Soledad Becerril decidira enviar á Fiscalía unha queixa non respostada polo Concello de Lugo, Antón Bao opinou que “agora que se critica e se dubida abertamente de todo, mesmo da utilidade das institucións públicas, eu invito a reflexionar sobre as funcións que están a cumprir o Defensor del Pueblo e o Valedor do Pobo cando ao que se dedican é a atacar a outras institucións públicas no canto de defender de verdade aos cidadáns en asuntos como os desafiuzamentos ou as preferentes”.

O tenente alcalde considerou desproporcionada a decisión do Defensor del Pueblo en relación á queixa enviada ao Concello de Lugo cando “neste momento de crise no que moita xente está vendo pisados os seus dereitos no eido económico e laboral e precisarían de verdade do amparo do Defensor del Pueblo”, afirmou o responsable nacionalista. “Cónstame que están chegando numerosísimas queixas á señora Soledad Becerril por dous temas tan graves e que están a afectar a tanta xente como son os desfiuzamentos e o timo das participacións preferentes e non lle vin abrir a boca para denunciar estas situacións absolutamente inxustas”, queixouse Bao.

O custo que estas dúas institucións teñen para os cidadáns é de 16 millóns de euros ao ano no caso do Defensor del Pueblo e 2 millóns de euros ao ano o Valedor do Pobo. Son cartos que saen do Orzamento público.

Pola súa parte, Luis Álvarez reiterou a perplexidade do Goberno local por terse enterado pola prensa da existencia dunha queixa da Defensora del Pueblo. Álvarez explicou que o Alcalde deu instruccións esta mesma mañá ós servizos municipais para que informen de todas peticións de información remitidas pola Defensora del Pueblo e da súa tramitación e tamén se puxo en comunicación coa Oficina desta institución para pedirlle información oficial de cales son os motivos da súa queixa.

Sentenza do TSXG

O Voceiro socialista tamén expresou a satisfacción do Goberno local pola sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle dá a razón ó Concello respecto do importe da nouturnidade que se paga ós policías locais. Neste sentido, Luis Álvarez indicou que a postura do Concello neste tema é a da defensa dos intereses económicos de todos os cidadáns de Lugo.

Rueiro

A preguntas dos xornalistas, Antón Bao tamén se referíu á proposta do Partido Popular de adicar unha rúa na cidade a Manuel Fraga. O tenente alcalde reiterou que non é partidario de poñerlle o nome dunha rúa a Fraga porque foi ministro durante a dictadura franquista e, polo tanto, incumpriría a Lei da Memoria Histórica e deixou claro que o BNG nunca votará a favor desta proposta. Afirmou ademais que “poñerlle o nome ás rúas de Lugo é algo moi importante que non se pode facer á vaiche boa, e o que non pode pretender o PP é que sexa a afiliación ultraconservadora do Partido Popular a que decida o nome das rúas de Lugo”.

O Voceiro socialista, pola súa parte, criticou ó Partido Popular por pretender ocultar os problemas importantes que ten a cidade de Lugo con falsos debates sobre os nomes das rúas. Álvarez considera que a actitude do Partido Popular débese a unha estratexia que persigue desviar a atención sobre os verdadeiros problemas que lles afectan ós lucenses e mencionou, a modo de exemplo, a nova denegación por parte da Xunta dunha escola taller no concello da provincia no que están rexistrados máis parados.

“Este grupo municipal está preocupado por gobernar e por atender eses problemas e non por atender outras cuestións que neste momento non son urxentes”, declarou Álvarez.

Multimedia