O Concello de Lugo reforza con 250.000 euros as súas políticas sociais para dar resposta á demanda que rexistran os Servizos Sociais, nun momento no que outras administracións optan polos recortes

Martes, 16 de julio de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Os Servizos Sociais atenderon case 4.000 persoas no primeiro semestre do ano e 354 veciños solicitaron as axudas ó alugueiro que tamén financia o Concello de Lugo

A Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana González Abelleira, informou hoxe ó Consello local de Servizos Sociais da decisión tomada polo Equipo de goberno do Concello de aumentar o investimento en atención ás persoas que máis están a sofrir as consecuencias da crise económica e dos recortes en materia social.
González Abelleira comunicou ó Consello de Servizos Sociais que o Concello de Lugo acordou aumentar o presuposto para emerxencia social e para axudas ó alugueiro, usando para elo parte do remanente de aforros acumulados nas arcas municipais. 
Esta decisión é consecuencia do aumento que se está a rexistrar na demanda de este tipo de axudas polas dificultades económicas que atravesan moitas familias nun momento no que outras administracións centran as súas políticas de aforro exclusivamente no recorte de servizos ós cidadáns. 
A partida de emerxencia social suma 100.000 euros máis do inicialmente presupostado, que era de 160.000 euros, e o programa de aluguer aumenta en 150.000 euros, a maiores dos 149.000 presupostados inicialmente.
A Concelleira de Servizos Sociais explicou que no primeiro semestre do ano os Servizos Sociais municipais atenderon 3.989 persoas e o número de intervencións foi de 7.817. No mesmo período do ano 2011 os usuarios foran 2.549 e no 2012, 3.288. A cifra de intervencións no primeiro semestre de 2011 foi de 5.827.
En canto ás demandas que se producen, 35% son por insuficiencia de recursos, tres puntos máis que no mesmo período do ano 2011.
Tocante ás axudas ó alugueiro, no ano 2011 o número de solicitudes foi de 275 e este ano a cifra medrou ata chegar ás 354.
González Abelleira tamén deu conta ó Consello local de Servizos Sociais de que o Concello dispón nestes momentos dun total de 98 prazas en centros de día, 50 no Centro municipal Antonio Gandoy e o resto concertadas,  coas que queda cuberta toda a demanda existente para este servizo.

Multimedia