O Concelleiro de Urbanismo anuncia que o Pleno debaterá o luns o 5% do PXOM que está pendente da aprobación definitiva pola Xunta

Jueves, 29 de noviembre de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro do Goberno local, Luís Álvarez, anunciou hoxe que o Pleno municipal do vindeiro luns tratará a aprobación do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, que está pendente de ratificar definitivamente pola Xunta de Galicia.

Álvarez explicou que, tal como estaba previsto, a Comisión de Urbanismo aprobou hoxe, cos votos favorables do PSOE e o PP e o voto en contra do BNG, as modificacións feitas na parte do PXOM que está pendente de aprobación definitiva coas que se dá cumprimento á orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Logo do acordo da Comisión de Urbanismo, o asunto someterase a debate e votación na sesión plenaria ordinaria que celebrará o día 3 de decembro a Corporación municipal.

O Concelleiro de Urbanismo explicou que unha vez que o Pleno autorice as modificacións feitas, darase por concluída a tramitación da totalidade do PXOM no Concello e remitirase o documento urbanístico á Consellería para que lle dea a aprobación definitiva ó 5% do Plan que está pendente.

Luís Álvarez tamén informou de que a Comisión de Urbanismo acordou hoxe recurrir na Xustiza a negativa do Instituto Galego de Vivenda e Solo a pagar os 80.000 euros correspondentes ás tramitacións Portelo Único do ano 2011 .

A presentación do recurso contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é consecuencia de que a Xunta non atendeu o recurso de reposición interposto polo Concello.

A decisión de acudir á vía xudicial para que o IGVS ingrese a subvención comprometida tomouse co voto favorable do PSOE e o PP e coa abstención do Partido Popular. 

www.lugo.es/ws/pxom