O Concello de Lugo avanza na participación veciñal da xestión pública

O Alcalde e a Concelleira de Economía presentaron Lugo Opina Orzamentos Participativos, o proxecto que nace coa idea de que todos axudemos a construir Lugo

Jueves, 04 de diciembre de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Rosana Rielo, deron conta hoxe dun importante paso que dá o Concello para avanzar na participación veciñal da xestión pública. Trátase dun destacado  proxecto que pon en marcha o Concello para favorecer a implicación veciñal na vida municipal, denominado Lugo Opina Orzamentos Participativos, co que se pretende involucrar a todos os lucenses nas decisións que se toman sobre cómo se deben gastar os recursos públicos.

O Alcalde anunciou que, nos próximos Orzamentos municipais, o Concello vai reservar unha cuantiosa partida económica, que ascenderá a 500.000 euros, para que sexan os veciños e veciñas de Lugo quen asuma a responsabilidade de decidir con qué prioridades e en qué proxectos se deben gastar eses cartos.

López Orozco explicou que éste é “un importante avance que se dá dende o Concello de Lugo para profundizar na democracia”, xa que con este proxecto o Goberno local asume un compromiso decidido no fomento da participación veciñal na xestión da vida local, tanto dos investimentos como outros gastos que realiza a Administración municipal na cidade e na zona rural.

O Alcalde salientou que “a democracia é algo vivo, non un estatus adquirido” e, por elo, defendeu a necesidade “de que a democracia non quede reducida só ó momento das votacións”. Con ese convencemento, o Goberno local de Lugo quere  “facilitar a participación de todos os cidadáns na vida do noso concello”, subliñou López Orozco.

Expresou, tamén, o Alcalde a confianza de que os veciños e veciñas de Lugo se implicarán neste proxecto e dixo que “temos esperanza e ilusión en que haberá unha gran participación cidadá” nun proceso no que todos poderemos decidir cómo se van investir os cartos que se reservarán nos capítulos 2 e 6 dos Orzamentos do Concello de Lugo para 2015.

López Orozco lembrou que o proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos é un paso decidido que dá o Concello para a participación veciñal na xestión municipal, logo dunha serie de experiencias que xa se levaron a cabo nos últimos anos, nos que se recolleron propostas a través das asociacións de veciños, dos xóvenes e mesmo dos nenos e nenas nos Plenos infantís, que foron tidas en conta no momento de elaboración dos Presupostos municipais

Pola súa parte, a Concelleira de Economía explicou que con Lugo Opina Orzamentos Participativos o Goberno local quere “que a cidadanía tome a palabra e implicar a todos os veciños e veciñas empadroados no noso concello, porque o obxectivo é construir Lugo entre todos e todas”.

Rosana Rielo explicou que o procedemento que se seguirá neste proxecto consta de varias fases. Na primeira delas, os cidadáns poderán priorizar as áreas de gasto e farán a presentación das súas propostas, que poden ser tanto ideas novas como retomar algún proxecto anterior ou ben incrementar alguna partida económica xa contemplada no Orzamento. Deseguido, os servizos municipais farán o traballo de avaliación da viabilidade das distintas propostas e nunha terceira fase serán os cidadáns quen decida qué propostas presentadas saen adiante, cuestión que se decidirá nunha votación final.

Os cauces que se poderán empregar para plantexar as propostas serán a páxina web do Concello, o teléfono de atención cidadá municipal 010 e o propio Rexistro municipal.