Un total de 21 empresas presentan oferta para a obra de rehabilitación da ponte vella, que se acometerá este verán

Viernes, 23 de marzo de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A adxudicación produciráse despois de Semana Santa e os traballos comezarán en canto baixe o nivel de auga do río, posto que será necesario achicar o caudal mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras do vello viaducto romano

Un total de 21 empresas presentaron a súa oferta para a realización das obras de rehabilitación da ponte romana de Lugo, que se acometerá este verán. A Mesa de Contratación do Concello, reunido esta mañá abriu as plicas das distintas ofertas presentadas, que reducen o custo da obra nun terzo do prezo inicial.

A obra de rehabilitación do viaducto saíu a licitación por un importe de 945.950 euros e un prazo de execución de 6 meses. O Ministerio de Fomento financiará o 75% do custo da obra con fondos do 1% Cultural e o Concello porá o 25% restante. Sen embargo, entre as 21 empresas presentadas 8 presentaron ofertas por un valor inferior aos 700.000 euros. Tamén hai reducións no prazo de execución previsto.

A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, explicou que o proceso de adxudicación queda agora pendente a que a vindeira semana os servizos técnicos do Concello fagan a valoración das distintas ofertas presentadas para proceder logo á súa adxudicación definitiva, que non se producirá ate despois de Semana Santa, posto que será necesario comprobar que non se producen baixas temerarias entre as ofertas presentadas.

Entre as 21 empresas presentadas atópanse as principais empresas construtoras e de rehabilitación de Galiza, e mesmo estatais. Das 21 empresas presentadas 3 quedaron excluídas por non presentar toda a documentación requerida. Dúas empresas de Lugo presentáronse a estes traballos en UTE con outras empresas: Asogal (en UTE con Resconsa) e Canalugo (en UTE con Agrupconsa), aínda que esta última oferta foi desbotada por non completar a documentación necesaria.

O viaducto recuperará o seu aspecto orixinal

O forte dos traballos executaráse durante o verán e servirá para que a ponte romana recupere a súa imaxe orixinal. A obra, que consistirá na retirada dos elementos engadidos en sucesivas reformas acometidas ao longo dos séculos de vida deste viaducto e na substitución das canalizacións e do cableado que hoxe cruza pola ponte, durarán un máximo de seis meses. Pero será necesario agardar aos meses de verán para acometer os traballos, segundo explicou Paz Abraira, xa que será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana. A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do tempo que é preciso reparar.

Está previsto asemade baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño. O proxecto contempla tamén retirar a actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar a ponte. Eliminaráse a estrutura metálica das beirarrúas, así como as lousas de formigón armado e o pavimento actual de mezcla bituminosa, que se vai substituír por pavimento de pizarra colocada de chanto, tal como era orixinariamente. Colocaranse tamén barandas de sillería, no canto das actuais barandas metálicas.

Ademais de reconstruír estes novos pretís de pedra, modificarase a actual rasante da ponte. Ao mesmo tempo, aproveitarase para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente cruzan polo viaducto, que pasarán a ir agochadas, baixo o pavimento. Para permitir o soterramento destas canalizacións a ponte recuperará a súa forma orixinal, modificada posteriormente, cunha cota máis alta no medio e máis baixa nas dúas cabezas. Ademais de renoval as actuais conducións de auga, tendido eléctrico e telefónico, incluirase unha de reserva para futuras conduccións, o que evitará ter que levantar de novo a ponte en caso de ser necesario no futuro pasar unha nova canalización. Tamén se dotará á ponte dunha iluminación ornamental. Así mesmo efectuarase a limpeza e plantación de árbores e arbustos nas marxes inmediatas do río e actuarase na escolleira da marxe dereita.

Os veciños do barrio da Ponte poderán seguir usando a ponte vella

Paz Abraira reuniuse xa en varias ocasións durante estes meses cos veciños e veciñas e cos comerciantes do barrio no local da Asociación de Veciños da Ponte para lles presentar o proxecto de rehabilitación da ponte vella e acordar con eles unha serie de medidas para minimizar no posible o impacto das obras sobre os residentes e os comercios da zona. A responsable da área de Infraestruturas do Concello comprometeuse a manter un “contacto permanente” cos veciños do barrio.

Durante o tempo que duren as obras será necesario cortar ao tráfico a vella ponte, polo que será necesario adoptar medidas para garantir o servizo de bus urbano ao barrio. Unha vez rematen as obras, a ponte pasará a ter un único sentido de circulación, en dirección saída da cidade, posto que o ancho do viaducto sen as pasarelas metálicas (a ponte terá 3,50 metros na súa parte máis estreita) non permitirá o cruzamento de dous vehículos.

Inicialmente, segundo figura no proxecto aprobado polo Ministerio de Fomento, o tráfico estaría restrinxido só aos residentes, aínda que a concelleira de Infraestruturas comprometeuse a estudar se tecnicamente é posible atender a solicitude dos comerciantes do barrio para que o paso non se restrinxa só aos residentes. A responsable municipal de Infraestruturas considera que a reforma do viaducto ten que cumprir dous obxectivos fundamentalmente: servir para que a ponte recupere o seu aspecto orixinal e manter o servizo de tránsito aos veciños do barrio.