O Concello de Lugo creará unha ludoteca para a segunda edición da Noite Aberta

Lunes, 12 de diciembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Fundación TIC despregará un amplo equipo de profesionais para cubrir esta actividade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, o Deputado do Coñecemento, Innovación e Emprendedores, José Ramón Val Alonso, e a Presidenta da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, Nora Real, presentaron a II Noite Aberta que se celebra o próximo venres 16 de decembro.

Carmen Basadre salientou que se trata “de darlle un impulso ao comercio de Lugo e que a xente poida desfrutalo porque non só van a poder comprar senón que van a poder desfrutar de actuacións”. Desta maneira adiantou que haberá na rúa demostracións de break-dance, tango, salsa, patinaxe, música en vivo e un circuíto de moda no que as modelos recorreran as rúas de Lugo coa roupa que se poden atopar nos comercios lucenses. Este ano tamén se creará unha ludoteca no centro de convivencia Uxío Novoneyra entre as 21:00 e as 23:00 horas para que os pais e nais poidan deixar aos nenos e nenas mentres desfrutan das múltiples actividades.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, explicou que “imos a continuar con ese apoio e ese impulso ao pequeno comercio que realmente é o que da vida e crea emprego nestes momentos, e é importante que os lucenses saiban que se ofrece o mellor.” O Concello de Lugo ven colaborando dende sempre co comercio lucense e desde o Plan Urban lévanse concedidas 129 axudas por importe de 289.000 euros para a instalación ou mellora dos locais comerciais na zona histórica da cidade.

A iniciativa, que o ano pasado tivo unha gran acollida, consiste en que os comerciantes participantes abrirán as portas dos seus establecementos ata a medianoite, ofrecendo descontos, cátering, música e actuacións en directo para atraer a clientela. A Presidenta da Asociación de Autónomas e promotora da idea, Nora Real, confirmou que a noite estará chea de sorpresas tanto nas rúas como nos comercios que se sumen á iniciativa, e que, ó igual que o anterior ano, se identificarán cunha alfombra branca situada diante dos seus locais. O obxectivo é incentivar ás vendas do pequeno negocio lucense ante a chegada da campaña Navideña. Ademais, tamén informou que este ano hai varios establecementos de hostalería que por primeira vez se suman aos comercios de roupa e complementos e que terán a alfombra branca xa que participan con sorpresas especiais.

Carmen Basadre destacou que “co apoio de todos os lucenses, do Concello e da Deputación a través da Fundación Tic, vaise organizar por segundo ano a Noite Aberta coa que pretendemos impulsar a nosa cidade e ao pequeno comercio de Lugo.” Tamén destacou que “vai ser unha noite diferente para os lucenses xa que primará a moda e o glamour.”

Fundación TIC
O Patrono da Fundación TIC e Deputado Provincial, José Ramón Val Alonso, avanzou este luns a colaboración do organismo dependente da institución provincial na celebración da Noite Aberta.
Val Alonso destacou que a TIC despregará un amplo equipo de medios e persoal para gravar as múltiples actividades que se desenvolvan. Entres os profesionais participantes atópanse unha nutrida representación de alumnos da Escola de Imaxe e Son do segundo curso dos ciclos superiores en Realización e Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. Deste xeito, os estudantes poderán por en práctica os coñecementos adquiridos nestes dous anos e planificar un evento fóra das aulas que require de certa complexidade ó desenvolverse en varias localizacións simultaneamente. Ademais, os alumnos terán a oportunidade de involucrarse no mundo periodístico a través da realización de entrevistas nos comercios; a dependentes, clientes e persoas que pasen polo photocall que se instalará na Praza Maior.

Con este material elaborarase un vídeo promocional para a Asociación de Autónomas de Lugo co que a TIC mantén un convenio de colaboración dende o pasado ano e que cumpre cunha dobre finalidade: difundir a actividade do colectivo lucense e ampliar a formación práctica dos seus estudantes en Imaxe e Son para facilitarlles a súa futura inserción laboral.

Multimedia