Lugo, Santiago de Compostela, Melgaço, Monçao e Valença do Minho presentan o proxecto Muralla Dixital no undécimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial pola Unesco

Jueves, 01 de diciembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde e a Concelleira de Economía interviron no acto no que os representantes das cinco cidades expuxeron os seus obxectivos para o proxecto que financia a Unión Europea

O Concello de Lugo disporá de 636.500 euros que empregará na dixitalización do patrimonio cultural e na formación de 30 desempregados

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, foi o encargado de abrir hoxe a presentación do proxecto Muralla Dixital, que se celebrou no CEI coincidindo coa celebración do undécimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial pola UNESCO, feito ó que fixo referencia López Orozco na súa intervención quen dixo que “hoxe é un día especial para Lugo porque conmemoramos unha declaración que nos encheu de ledicia, que aumentou a nosa autoestima e o coñecemento da nosa Muralla”.

O Alcalde tamén destacou que o proxecto Muralla dixital “é un proxecto europeo que Lugo aproveitará para poñer en valor a Muralla e o noso patrimonio e que nos axudará a dar a coñecer as nosas potenciaclidades como cidade turística”. Indicou ademais que “o turismo é unha fonte de ingresos económicos e tamén unha oportunidade de colaboración entre homes e mulleres de distintos lugares” e sinalou a importancia tanto da cooperación neste proxecto de cidades de dúas rexións europeas como da experiencia que pode aportar unha cidade como Santiago que soubo coidar o seu patrimonio monumental.

Na apertura da xornada, o Alcalde estivo acompañado polo Deputado provincial de Economía do Coñecemento, Emprendemento e Innovación, José Ramón Val, e o Vicesecretario da Subdelegación do Goberno, Luis Torres. Trala inauguración da xornada, á que asistiron estudantes de Humanidades, arqueólogos, historiadores, avogados, empresas de novas tecnoloxías e expertos en turismo, apagáronse as velas dunha tarta de cumpreanos adicada á Muralla que fixeron expresamente para o acto as firmas Don León, Dona Vaniri e Uvepan.

Presentación do proxecto

A presentación do proxecto Muralla Dixital, que financia a Unión Europea a través dos fondos FEDER, correu a cargo de representantes das cinco cidades de Galicia e Portugal que son socias neste programa que lidera Lugo e no que participan Santiago de Compostela, Melgaço, Monçao e Valença do Minho, e colaboran o Cluster Ineo e a entidade portuguesa Azurem. Na clausura do acto interviu o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao.

O proxecto que levará a cabo o Concello de Lugo foi presentado pola Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez. En representación do Concello de Santiago de Compostela participaron no acto o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura e Educación, Angel Currás Fernández, e o arqueólogo Xesús Amado Reino. A cidade de Melgaço estivo representada polo Vicepresidente da Cámara Municipal, Manoel Batista Calçada Pombal, e a chefe de Divisao de Cultura e Comunicaçao, Angelina María Esteves. En representación da Cámara Municipal de Monçao interviu a chefe de gabinete, Conceiçao Soares, e a Cámara Municipal de Valença do Minho estivo representada polo técnico municipal Fernando Barros.

Obxectivos

Sonia Méndez explicou que os principais obxectivos que persegue o Concello de Lugo co proxecto Muralla Dixital son a valorización e difusión do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico da cidade de Lugo, con especial referencia á muralla de orixe romana, a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación, e a formación e creación de emprego no sector do Patrimonio Cultural, orientado fundamentalmente a mozos/as na procura da súa primeira experiencia profesional, para a súa inserción laboral como traballadores por conta allea en empresas especializadas, ou a través do autoemprego.

Para chegar a estes obxectivos desenvolveranse, ó abeiro deste proxecto, as seguintes actividades: obradoiros arqueolóxicos, un estudo evolutivo da cidade de Lugo e a creación de contidos dixitais e interactivos sobre o Patrimonio lucense.

Obradoiros arqueolóxicos

No capítulo de obradoiros arqueolóxicos está prevista a realización dun obradoiro de sensibilización, dirixido á cidadanía en xeral, e dous obradoiros formativos, cada un deles orientado a 15 mozos/as recen titulados que estean buscando o seu primeiro emprego co fin de especializalos en novas tecnoloxías relacionadas coa documentación, recuperación e difusión do patrimonio histórico e arqueolóxico, nos que recibirán formación en técnicas de rexistro tridimensional e ferramentas infográficas de reconstrución virtual do patrimonio histórico e arqueolóxico de Lugo.

Estudo evolutivo de Lugo

O estudo evolutivo da cidade incidirá fundamentalmente na evolución urbanística de Lugo aínda que tamén recollerá outros aspectos referidos a vida cotiá, como poden ser os usos e costumes ou as personaxes máis representativas das diferentes etapas históricas da cidade. Neste estudo levarase a cabo unha recompilación e dixitalización da documentación textual, planimétrica e gráfica de cada período histórico a través da consulta á bibliografía especializada, museos, arquivos e bibliotecas.

Creación de contidos dixitais e interactivos

O estudo evolutivo servirá de base para desenvolver diferentes contidos dixitais para a difusión e comunicación do Patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico da cidade de Lugo que consistirán no desenvolvemento de contidos dixitais interactivos en 4 dimensións que recreen a planimetría, a paisaxe e a arquitectura da cidade a través da historia tendo como eixo vertebrador a Muralla; desenvolvemento de contidos dixitais en 3D e 2D.

Estes contidos xeraranse no propio taller de dixitalización do Patrimonio Cultural “Muralla Dixital” e tamén a través dos Socios tecnolóxicos do proxecto. Unha vez elaborados, estes contidos dixitais e interactivos poderanse ver a través de distintos soportes dixitais como poden ser soportes 4D, pantallas táctiles e multitáctiles que se situarán preferentemente nos centros museísticos da cidade como o futuro Museo Interactivo da Historia de Lugo, a sala de exposicións Porta Miñá, nos lugares visitables da Domus Oceani e San Roque ou no Centro de Interpretación da Muralla. Ademais estes contidos poderanse ver a través da internet a nos novos instrumentos de comunicación que permite a telefonía móbil (código QR e Bluetooth).

Máis información do proxecto Muralla Dixital.

 

Multimedia