O Concello organiza os V Encontros das Culturas que terán lugar os días 24, 25 e 26 de maio

Lunes, 21 de mayo de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Segundo as últimas estatísticas, case 5.600 veciños de Lugo son inmigrantes

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, presentou hoxe os V Encontros das Culturas, organizados polo Concello e que terán lugar os días 24, 25 e 26 de maio.

González Abelleira explicou que a súa Concellería ten entre os seus obxectivos “sensibilizar á poboación de Lugo sobre o fenómeno migratorio e axudar a darlle unha imaxe positiva á inmigración”. A Concelleira manifestou que, segundo as últimas estatísticas, en Lugo están empadroadas 5.597 persoas inmigrantes.

Para cumprir con estes obxectivos, indicou, o Concello organiza anualmente os “Encontros das culturas” nos que se programan actividades de tipo intercultural onde se dan a coñecer outras culturas, onde se trata de fomentar a perda do medo cara o descoñecido e o respecto entre todas as culturas.

Ana González destacou tamén que “este ano celébrase xa a quinta edición, polo que se pode considerar que os encontros están consolidados na nosa cidade”.

Programa

O día 24 vai ser o día adicado ó traballo asociativo. Haberá un debate no Centro Cívico María Balteira, ás 19.30, no que se pretende visibilizar o traballo que desenvolven distintas asociacións e entidades de iniciativa social.

A Fundación Juan Soñador vai tratar o tema da interculturalidade na infancia mediante a proxección dun vídeo feito por nenos e nenas de Lugo onde poñen de manifesto a súa opinión sobre a interculturalidade e a opinión que teñen respecto doutras culturas.

Enxeñería sen fronteiras vai tratar o tema do voluntariado participativo como ferramenta de cambio tanto no norte coma no sur. ESF Galicia é unha Organización Non Gobernamental (ONG) dedicada á cooperación para o desenvolvemento e que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano. ESF aposta polo voluntariado como unha actividade transformadora en si mesma.

A cova da Terra vai falar sobre alternativas sobre xustiza nas relacións comerciais e como isto serve de instrumento para facer cooperación e un mundo mellor.

O día 25 van a ser as propias persoas que viviron o fenómeno migratorio os que nos conten as súas experiencias persoais, en dous contextos sociais e históricos distintos. Ás 19.30, no Centro de Convivencia María Balteira poderemos coñecer a experiencia dun home peruano e dunha rapaza saharaui. A Asociación Galega de solidariedade co pobo saharaui colaborou co Concello de Lugo para que esta actividade se realice.

Trátase de abordar o fenómeno migratorio en primeira persoa e facer que eles sexan os propios protagonistas os que nos conten como era a súa vida no seu país de orixe, os motivos que os levaron a vir a Lugo, o recibimento da sociedade de acollida e as dificultades ás que tiveron que facer fronte.

O 26 de maio sábado pola mañá, tamén no Centro de Convivencia María Balteira, os protagonistas van a ser as asociacións de persoas inmigrantes. A partir das 12.30 haberá as seguintes actividades:

-Proxección fotográfica sobre Colombia, a finalidade é dar a coñecer Colombia: a súa situación xeográfica, a súa comida, costumes, cultura, persoas relevantes.
-Mostra de traxes de baile típicos peruanos.
-Degustación de gastronomía colombiana.

Finalmente, ás 18.30 da tarde, celebrase, no Centro de Convivencia de Fingoi o Concerto Entre Culturas no que participará Lorena Lores, cantante arxentina, filla de emigrantes galegos, que é recoñecida como expoñente da emigración, medrou entre a colectividade galega de Bos Aires e presenta unha parte do seu espectáculo “A dúas Beiras” que é un recital de tango e folk, por medio da súa música prodúcese o encontro de dúas culturas, a galega e a arxentina. Tamén actuará o grupo de canto tradicional Cantigas e Frores,que vai interpretar pezas típicas galegas.

O programa complétase coa celebración de actividades interculturais nas ociotecas para fomentar o respecto cara outras culturas, a tolerancia e a solidariedade. Tamén haberá unha exposición da fotógrafa Giovanna Pereira no Centro de convivencia de Fingoi que estará exposta do 21 ó 31 de maio. O título da exposición é IMAXES EN LUNFARDO, o lunfardo é unha jerga propia que hai no Río da Plata produto da inmigración, na exposición haberá carteis explicativos do significado de distintas palabras propias do lunfardo que en moitas ocasións son utilizadas en letras de tango. Nas imaxes fotográficas móstranse cidades de Arxentina e de Uruguai.

Multimedia