Máis de 1070 mulleres foron atendidas na Centro de Información da Muller durante o 2011

Miércoles, 04 de enero de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Carmen Basadre denunciou que aínda hai axudas da Xunta para as mulleres vítimas de violencia de xénero sen resolver dende o mes de maio

Para o 2012 mantense o presuposto en materia de Muller e as actividades que se desenvolveron no ano que rematou

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentou a memoria das actividades levadas a cabo no Centro de Información da Muller (CIM) durante o ano pasado e que atendeu a un total de 1073 mulleres, “a pesares de que dende a Xunta de Galicia nos denegaron as axudas para o seu mantemento” segundo sinalou Basadre.

A responsable da área de Benestar Social deu a coñecer que o total de consultas realizadas foi de 3.649, das que máis de mil foron en persoa no propio centro, todas as mulleres residían no municipio e delas 411 eran a primeira vez que realizaban unha consulta. Das 1.073 mulleres atendidas, 777 aseguraron haber sufrido malos tratos algunha vez na súa vida “unha cifra altísima se temos en conta o total das mulleres atendidas e non digamos se extrapolamos os datos a nivel galego, por iso debemos seguir traballando en contra da violencia de xénero para seguir mantendo todos os avances que se conseguiron, xa que é unha lacra moi difícil de eliminar” segundo explicou Carmen Basadre. No que á tipoloxía das consultas realizadas, 1395 foron de ámbito xurídico, 1359 de ámbito social e 895 de ámbito psicolóxico.

Na área de protección social, a Concelleira, explicou que algunhas das axudas que se solicitaron á Xunta de Galicia aínda están por resolver dende o mes de maio como son as axudas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero ou axudas para aluguer de vivendas do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Ademais dende o Centro de Información á Muller leváronse a cabo programas para previr e traballar en contra da discriminación de xénero como a posta en marcha do II Plan de Igualdade, dentro do cal se situaron actividades como os talleres Preto de Ti, que se levaron a cabo nos centro de convivencia Maruja Mallo, Uxio Novoneyra, CEI-Nodus e no Centro de Dinamización de Calde. Esta actividade estaba composta por 10 talleres nos que se traballou a discriminación de xénero e nos que participaron máis de 250 persoas.

Tamén se levou a cabo o programa Educando en Igualdade na que participaron máis de 600 alumnos de primaria e de secundaria e 66 profesores, que traballaron dende o diálogo e o sexo ata a importancia da igualdade ou da escola mixta a través de material didáctico axeitado ás idades.

Orzamentos para o 2012
Carmen Basadre tamén informou que “ para este ano o presuposto mantense igual que no 2011 polo que imos poder desenvolver as mesmas actividades que se levaron a cabo ata agora”. Neste sentido desenvolverase o III Plan de Igualdade, o programa Preto de ti con talleres para adultos, o programa Educando en Igualdade no que participan seis centros educativos de Lugo e nos que se levará a cabo un taller de prevención da violencia de xénero, e manteranse os certames de relatos curtos, deseño gráfico e fotografía.

Multimedia