O Concello aforra máis de 144.000 euros ó ano na xestión da recadación executiva

Viernes, 30 de diciembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A oficina conta cun punto de información catastral para darlle máis facilidades ós contribuíntes e mellorase a privacidade na atención

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, visitaron hoxe a nova oficina do servizo da recadación executiva, situada na Ronda da Muralla, número 7.

O Alcalde destacou que a nova oficina non supuxo custe para o Concello xa que se habilitou con cargo á empresa que gañou o concurso, GTT. A nova adxudicación supuxo ademais un aforro anual para o Concello de 144.584 euros, máis do 16%, nos pagos á empresa adxudicataria, que cobra unha porcentaxe da recadación en vía executiva e por multas, neste caso tanto no período voluntario como no executivo.

López Orozco tamén fixo fincapé en que “os lucenses somos bos pagadores” e sinalou que coas novas instalacións ”vaise reforzar a atención ó contribuínte e tamén a privacidade na atención”.

A oficina vai contar cun punto de información catastral, co que se propicia a información integral e evitarase que os contribuíntes teñan que desprazarse ás oficinas do Ministerio de Facenda. Trátase de darlle máis facilidades ós contribuíntes e de mellorar a xestión.

Esta oficina está dotada dun equipo informático, apoiado por persoal do servizo, que estará a disposición dos usuarios para fomentar o uso da oficina virtual que se creará para permitir as tramitacións pola internet. O horario de atención ó público das novas instalacións dos servizos de recadación executiva, xestión de multas de tráfico, catastro e inspección é de 8.30 a 18.00 horas de luns a xoves e os venres de 8.30 a 14.30 horas. Ademais, disporá dun call center para atención telefónica, que funcionará en horario de 8.00 a 20.00 horas.

Multimedia