O Foro de Participación esixe á Xunta a retirada da orde que priva ás persoas desempregadas de atención sanitaria

Viernes, 02 de diciembre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presidiu a reunión extraordinaria do Foro de Participación que tiña como orde do día analizar a postura de dito órgano sobre os recortes da tarxeta sanitaria para as persoas que remataran as súas prestacións por desemprego.

Carmen Basadre explicou que “cremos que é un tema moi importante que afecta especialmente as mulleres, as inmigrantes e as que sofren violencia de xénero xa que moitas delas rematan as súas prestacións ou moitas nunca traballaron e quedan sen cobertura sanitaria” para incidir que “son o sector máis vulnerable.”

O Foro de Participación acordou por unanimidade enviar ao Presidente da Xunta, á Presidenta do Parlamento, á Conselleira de Sanidade e ao Valedor do Pobo, o acordo no que se esixe a retirada da Orde da Consellería de Sanidade de 5 de setembro de 2011 pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos.

Segundo se indica na Orde, as persoas afectadas só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica ata que volvan a ter todos os papeis en regra para volver estar de alta.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude manifestou “o seu malestar polas actitudes políticas do PP, xa que as cuestións hai que resolvelas dentro do propio foro, e este é un foro de participación non un foro político” e lembrou que “aquí están representados todos os sectores da sociedade de Lugo, pero parece que hai xente á que lle sae sarpullido cando se fala de participación.”

O Foro de Participación pola Igualdade acordou en primeiro lugar, expresar a súa máis profunda preocupación e consternación pola situación de desamparo na que deixa a devandita Orde da Consellería de Sanidade a miles de galegos xa que a retirada da tarxeta sanitaria a un membro pode deixar sen prestación a toda a unidade familiar.
En segundo lugar destacar o impacto que a retirada da tarxeta sanitaria ten sobre as mulleres e especialmente sobre aquelas que sofren dupla ou triple discriminación. En terceiro lugar rexeitar o establecemento dun período mínimo de cento oitenta e tres días de residencia en España para acceder á atención sanitaria e poñer de manifesto que as trabas administrativas que se establecen para a renovación do recoñecemento das prestacións sanitarias, abocan a gran parte das persoas usuarias á exclusión social.

O último punto é esixir que os dereitos das persoas que foron prexudicadas sexan restituídos coa reactivación das tarxetas anuladas e a retirada de xeito inmediato do Protocolo que desenvolve a Orde de 5 de setembro de 2011 sobre a base de que a asistencia sanitaria é un dereito constitucional e de xustiza social. A adopción dunha tarxeta sanitaria única e universal garante o acceso aos centros, servizos e prestación dun sistema de saúde público, equitativo e solidario.

Multimedia