Equigal inicia a súa quinta edición con máis de 150 cabalos e 60 ganderías

Viernes, 08 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Zona Rural, Manuel Chaín; a Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, e o Presidente executivo da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, Eduardo Núñez-Torrón, inauguraron hoxe a quinta edición de Equigal 2012, Salón do Cabalo de Galicia, que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos. No acto estiveron acompañados por gandeiros representantes das distintas asociacións do cabalo que forman parte da organización do Salón, así coma diversas autoridades do eido político e empresarial lucense.

Manuel Chaín desculpou a ausencia do Alcalde no acto e felicitou á organización pola “consolidación real de Equigal, nesta a súa quinta edición, que é hoxe unha cita ineludible, non só en Lugo e a súa provincia, senón tamén en Galicia”.

Eduardo Núñez-Torrón aludiu á actual crise económica, á que englobou baixo a frase “Coa que está caendo…”. Frase que contrapuxo ó seu discurso para enxalzar o valor de organizar e celebrar a quinta edición deste importante certame que coloca a Lugo á cabeza do mundo do cabalo no noroeste peninsular: “A pesares da que está caendo, non nos debemos resignar e debemos incrementar as actividades do Pazo de Feiras. So así poderemos avanzar e acabar saíndo da actual situación de crise pola que pasamos”.

Torrón destacou a importancia económica do sector equino, “un mundo que non é de afeccionados senón de auténticos profesionais”, que xera dentro e fóra de Galicia un importantísimo mercado. É por iso que dende a Fundación Feiras se potencia a través desta quinta edición de Equigal.

Un certame, destacou Núñez-Torrón, que vai a máis, apoiado no incremento ano tras ano de público e participantes - de 40 ganderías en 2011 pasamos a máis de 60 este ano; en 2011, inscribíronse preto de 100 exemplares equinos, mentres que nesta quinta edición superáronse 150, entre cabalos e eguas .

“Un éxito que só foi posible gracias á implicación entusiasta e o esforzo das asociacións gandeiras, e sobre todo dos seus gandeiros, e tamén grazas á colaboración económica da Deputación e do Concello de Lugo, e demais institucións colaboradoras”.

Finalmente, Lara Méndez, pechando o acto inaugural, retomou as verbas de Núñez-Torrón, “coa que está caendo...” para salientar que “xa o ano pasado na presentación deste certame falabamos de crise e lamentablemente temos que seguir facéndoo, pero a pesar disto, as Administracións públicas, coma dende a Deputación e o Concello estase a facer, temos que apoiar eventos coma este, de contrastado éxito, porque senón estaremos contribuíndo a empeorar a situación difícil que estamos a vivir”. Un apoio, o da Deputación, baseado nas cifras de éxito acadadas polo Salón nos últimos anos, unha feira que conta cada vez cun maior número de visitantes e que é un referente para a provincia e para Galicia.

Méndez tamén aludiu á importante repercusión económica que Equigal ten para a cidade e a provincia a nivel hostaleiro e de xeración de negocio no sector. E reincidiu en base a isto, en que “máis que nunca debemos manter o noso apoio para fomentar a economía e contribuír a que melloren as cousas na nosa provincia.”

Finalmente, Méndez pechou a súa intervención felicitando ós organizadores e animándoos a que traballen xa na sexta edición de Equigal, un evento “que a Deputación seguirá apoiando porque os resultados da súa celebración son sempre moi bos”.

Equigal 2012, Salón do Cabalo de Galicia, II Memorial Manuel Dopico

O Salón do Cabalo de Galicia – Equigal 2012 celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo dende hoxe venres 8 ata o domingo 10 de xuño de 2012. O Salón acollerá as máis diversas modalidades hípicas nas súas diferentes vertentes así como o emerxente mercado equino de Galicia. En total serán sesenta ganderías equinas participantes e máis de 150 o número de exemplares, entre cabalos e eguas de distintas razas.

A maioría das ganderías participantes en Equigal 2012 son galegas, polo que a organización agradece e recoñece o enorme esforzo das mesmas na súa participación nesta quinta edición de Equigal.

En Equigal terá lugar unha ampla gama de actividades e espazos arredor do mundo do cabalo. Os mellores animais das diferentes razas criadas en Galicia daranse cita en en Lugo nun Pazo de Feiras e Congresos que dispón para Equigal de 10.000 m 2

Organización e patrocinadores

Equigal 2012 é un evento organizado pola Fundación Feiras e Exposicións e pola Deputación de Lugo, principal entidade patrocinadora.

Conta tamén co apoio do Concello de Lugo, da Fundación Rof Codina, Coca Cola, Caixa Rural Galega e Piensos Equicor.

Do mesmo xeito, colaboran na organización as seguintes asociacións: Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), Asociación Nacional de Criadores de Cabalos Españois (ANCCE), Asociación Galega de Criadores de Pura Raza Española (AGACPRE), a Asociación Española de Criadores de Caballos Árabes (AECCA), a Asociación Pura Raza Cabalo Galego, o Club Hípico Equigal e a Asociación Deportiva Lucense de Doma.

ENTRADA GRATUÍTA
HORARIOS:
Venres 8: 10:00 a 20:30
Sábado 9: 10:00 a 22:30
Domingo 10: 10:00 a 20:30

Multimedia