A Concelleira de Economía acusa á Xunta de poñer contra as cordas ós concellos galegos coa súa política de recortes

Viernes, 28 de octubre de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A maioría dos impostos actualízanse conforme ó IPC, a auga sobe dous puntos máis, o IAE queda como está e baixan as tarifas do CEI

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno Local celebrará este venres unha reunión extraordinaria para aprobar o proxecto de Ordenanzas Fiscais para o ano 2012. Este é o paso previo para que poidan ser aprobadas no Pleno ordinario que celebrará a Corporación o luns día 7 de novembro, “trece días antes das eleccións, e aclaro esto para as mentes retorcidas que cren que as decisións que afectan aos cidadáns se toman por intereses electorais”, manifestou a Concelleira de Economía.

“Nós non actuamos por electoralismo, porque somos un goberno responsable, e xa lles comunico que haberá algún tributo que sobe lixeiramente, outros que só se actualizarán en función do IPC, algún que seguirá conxelado e outros que baixarán”, indicou Sonia Méndez.

Tamén anunciou que “aprobaremos unha reforma de máis calado destinada a aliviar no posible aos contribuíntes, por exemplo, o pago do IBI poderá fraccionarse sen recargos nin intereses en dous prazos, nos meses de xuño e setembro, co único requisito de domiciliar o recibo”. Esta medida implicará cambios no calendario do contribuínte para evitar a coincidencia no pago de varios recibos ao mesmo tempo, cambios que se anunciarán con antelación, segundo adiantou a Concelleira.

A proposta que ten previsto aprobar mañá a Xunta de Goberno Local supón, segundo anunciou Méndez, que “con carácter xeral se actualizarán os impostos e taxas municipais dacordo co IPC deste ano, o 3%, e hai que ter en conta que os impostos levan conxelados catro anos e as taxas dous anos”. De feito, o IPC medrou un 11% desde 2007 e a actualización que temos previsto facer é dun 3%, explicou a responsable municipal de Economía, e tamén lembrou que o Concello tivo que ir actualizando dacordo co IPC o prezo que lle paga ás empresas coas que ten contratados servizos.

A revisión das Ordenanzas fiscais suporá que unha familia media lucense, propietaria dunha vivenda e dun vehículo, pagará 0,83 céntimos máis ó mes, e dicir 10 euros ó ano fronte a algúns concellos do PP, que están a falar de subas de 240 euros ó ano, segundo dixo a Concelleira de Economía. Méndez avaliou en 1,4 millóns os ingresos que obterá o ano que vén o Concello coa modificación das Ordenanzas fiscais.

A maioría dos impostos e taxas actualízanse conforme ó IPC, pero hai algunhas excepcións como son as taxas de subministro de auga e saneamento, que soben 2 puntos por riba do IPC, un 5%, para poder facerlle o custo dun servizo que mellorou considerablemente. “Un 5% fronte o 150% do canon de auga de Feijoo, unha porcentaxe que non é máis que 29 céntimos ao mes para unha familia media de Lugo, menos do que custa un botellín de auga, que agora aforramos comprar”, explicou Méndez.

Tamén son excepción as tarifas do CEI, que baixan para reducir os custos das novas empresas nos primeiros anos de vida, baixan tamén as entradas ó Centro de interpretación da Muralla e o acceso ás piscinas, xa que se crea un bono máis económico para as persoas que queiran ir polas mañás.

E son excepción ademais, neste caso porque se conxelan, outros impostos como o de Actividades Económicas, o IBI de rústica e a ORA para os primeiros tramos de estacionamento.

Outras novidades que anunciou a Concelleira de Economía son unha regulación máis xusta dos beneficios fiscais: no imposto de vehículos mantéñense as bonificacións para vehículos que usan persoas discapacitadas, tamén as de vehículos ecolóxicos e históricos pero elimínase a bonificación para os vehículos de máis de 25 anos non clásicos. “Facémolo non por motivos recaudatorios senón por razóns medioambientais, de seguridade e mesmo de dinamización da venda de coches”, explicou Sonia Méndez e tamén anunciou a modificación da bonificación para vivenda habitual do imposto de plusvalías para facela progresiva, de xeito que pagarán máis porcentaxe os patrimonios máis altos e menos os baixos.

Responsabilidade e compromiso co benestar

“É unha cuestión de responsabilidade, outros que presumen de boa xestión están a facer recortes salvaxes nos servizos aos cidadáns, e recortes aos concellos como os que estamos a vivir todos os días”, dixo Sonia Méndez que acusou á Xunta de Galicia de “poñer contra as cordas ós concellos galegos” e de “facer recortes sen baixar os impostos, como prometera Feijóo, senón que os soben as agachadas” .

“Os recurtes da Xunta e a asunción polo Concello de Lugo dos servizos que tería que prestar a Xunta e a vontade de seguilos prestando, obríganos a pedir aos lucenses un esforzo mínimo para poder seguir apoiando ás familias que máis o necesitan”, remarcou a Concelleira de Economía.

Multimedia