O Concello aproba a memoria da comisión técnica da empresa da auga que supón o cambio de modelo na xestión do servizo

Viernes, 29 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Pleno tamén acordou pedir a revisión dos acordos coa Santa Sede para que a Igrexa Católica pague o IBI polas súas propiedades e aprobou unha moción de apoio á empresa Tablicia

O Concello aprobou hoxe a memoria da comisión técnica da empresa da auga. O acordo, que se tomou co voto en contra do PP, supón o cambio de modelo de xestión no ciclo integral da auga.

O Concelleiro de Medio Ambiente asegurou, na defensa da proposta, que a xestión do ciclo da auga a través dunha empresa mixta con maioría de capital público é o mellor modelo e o máis barato para os veciños. Tamén defendeu a viabilidade deste modelo e destacou o esforzo feito en Lugo para mellorar as infraestruturas da auga, que supuxeron un investimento de 200 millóns de euros, dos que o Concello só tivo que achegar 10 millóns.

González Dopeso explicou que o aforro anual que supón para os veciños ter a auga de calidade que agora temos en Lugo estimase en 1,7 millóns de euros. Neste sentido, argumentou que a revista “Tecnología del agua”, no seu número de novembro de 2011, calcula que a mellora na calidade da auga da traída represéntalle un aforro a cada familia de 30,21 euros.

Logo de enumerar as distintas obras que se levan feito para mellorar as infraestruturas do abastecemento e o saneamento da auga e de sinalar os requirimentos sociais, técnicos e económicos que se plantexa o Goberno local para o novo modelo de xestión do ciclo integral da auga, González Dopeso explicou que “nós descartamos o modelo de concesión, que parece o preferido polo Partido Popular” e sinalou que “os veciños deben saber que a concesión a unha empresa do ciclo da auga suporía un aumento brutal e inmediato do recibo e, ademais, o Concello non estaría implicado directamente na xestión, o déficit pagaríano os veciños e o beneficio iría para o peto da empresa”.

Tamén explicou que “para que sigamos a ter auga de calidade, non contaminar e subir o mínimo imprescindible o recibo ós veciños, decidimos constituír unha sociedade mixta, que será maioritariamente pública, xa que o Concello terá o 74% da participación”.

IBI dos bens da Igrexa

O Pleno do Concello de Lugo aprobou tamén, co voto en contra do Partido Popular, pedirlle ó Goberno do Estado que revise o Concordato coa Santa Sede para que a Igrexa Católica deixe de estar exenta no pago do IBI.

A decisión, tomada a instancias do PSOE e o BNG, tamén plantexa que mentres non se revisen os acordos coa Santa Sede se negocie, a través da FEMP e a FEGAMP, coa Igrexa Católica unha compensación ós concellos por estar exenta do pagamento do IBI e reclama ó Parlamento e a Xunta de Galicia a que asuman estes acordos e insten ó Goberno do Estado a suprimir este privilexio.

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, destacou que na situación actual de grave crise económica, no que toda a poboación sofre os recortes e debe cumprir coas súas obrigas tributarias resulta incomprensible que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar ós concellos polo seu enorme patrimonio.

Méndez tamén deixou claro que a Igrexa paga tributos ó Concello de Lugo, como o lixo ou a auga, pero o Concello de Lugo intentou, xa hai anos, cobrar o IBI por bens que non están adicados ó culto e non foi posible, dadas as instrucións que ten dado a Dirección xeral de Tributos e as sentenzas ditadas no mesmo sentido.

Apoio a Tablicia

A Corporación decidiu así mesmo, neste caso coa abstención do PP, apoiar as reivindicacións dos traballadores de Tablicia en defensa do mantemento da empresa.

Neste caso acordouse instar á Xunta, atraveso do IGAPE, a que adopte as medidas precisas para garantir o funcionamento da empresa ata a aprobación do correspondente plan de viabilidade e a que traballe coas entidades financeiras para que faciliten o crédito suficiente á empresa para o seu funcionamento. A proposta foi presentada polos dous grupos que forman o Goberno local.