O Concello adica 115.000 euros a arranxar a praza de Porta Miñá e tramita a cesión do antigo Matadoiro á Fundación Rof Codina

Jueves, 28 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Tamén abonará 72.000 euros á SGAE en concepto de dereitos de autor dende o ano 2007 grazas a un acordo que lle permitirá ao Concello aforrar 40.000 euros e ademais a Sociedade Xeral de Autores retirará a demanda xudicial que tiña presentada

O Concello arranxará a praza de Porta Miñá con fondos do Plan Urban e cederalle a parcela e instalacións do antigo Matadoiro á Fundación Rof Codina.

Son dous dos acordos tomados hoxe pola Xunta de Goberno Local dos que informou a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, nunha rolda de prensa na que o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, anunciou un acordo coa Sociedade Xeral de Autores e Editores que suporá retirada da demanda xudicial que tiña presentada contra o Concello. O acordo produciuse logo de que Bao abrira co novo presidente da SGAE unha “nova fase de normalización das relacións” e o Concello pasará á SGAE á súa programación

A urbanización da praza de Porta Miñá forma parte do acordo de colaboración coa Xunta que se encargará de arranxar a fonte, segundo explicou Sonia Méndez. A  Xunta de Goberno Local acordou a contratación das obras e prego de cláusulas para as obras de urbanización da praza de Porta Miñá cun presuposto máximo de 115.000 euros e un prazo de execución máximo de seis meses.

Tamén aprobou a Xunta de Goberno o inicio do expediente para cederlle á Fundación Rof Codina a parcela e instalacións do antigo Matadoiro municipal, situadas na parroquia de San Xoán de Pena, para a creación dun centro hospitalario para animais de medio e gran tamaño.

Neste caso, o Goberno local acordou iniciar o expediente para cambiar a cualificación da parcela e instalacións do antigo Matadoiro para a súa desafectación do dominio público e conversión en ben patrimonial. Este é un requisito previo para realizar a cesión gratuíta á Fundación Rof Codina.

Acordo coa SGAE

O Pleno do Concello de Lugo aprobará mañá un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 72.000 euros que servirá para pagar as débedas coa Sociedade Xeral de Autores e normalizar as relacións entre ámbalas dúas institucións. O tenente alcalde e responsable de Cultura, Antón Bao, deu hoxe a coñecer o acordo alcanzado coa SGAE e que supón un aforro para o Concello de 40.000 euros.

Bao informou que a SGAE reclamaba ao Concello unha cantidade total de 110.000 euros en concepto de dereitos de autor dende o ano 2007 e tiña presentado no Xulgado unha demanda por impago en contra do Concello. Logo dunha intensa negociación levada a cabo nos últimos meses, o Concello ven de chegar a un acordo coa SGAE en virtude do cal pagará unicamente 72.000 euros e a entidade cobradora dos dereitos de autor retirará a demanda presentada contra o Concello. O acordo conta co visto bo dos servizos xurídicos municipais, que recomendaron a vía do acordo fronte á do litixio xudicial, co que ademais o Concello aforrará as posibles costas ocasionadas.

A cantidade a pagar por parte do Concello é froito dunha revisión pormenorizada de máis de 80 facturas reclamadas pola entidade cobradora dos dereitos de autor, revisadas unha por unha para descartar posibles cobros que non procederan ou cantidades abusivas.

Normalización das relacións entre ámbalas dúas institucións

Segundo informou o tenente alcalde, Antón Bao, este acordo abre ademais unha nova fase nas relacións entre o Concello e a SGAE. Bao enviou unha carta neste sentido ao novo presidente da SGAE, o galego Antón Reixa, que xa recibiu resposta positiva pola súa parte, polo que a confrontación permanente dos últimos anos dá paso a unha nova fase de colaboración.

O acordo alcanzado leva implícito un cambio no método de traballo que se seguía ata agora. O Concello enviaralle a partir deste momento á SGAE o programa das distintas actividades que se organicen dende a área de Cultura co obxectivo de acordar a cantidade a pagar en concepto de dereitos de autor.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Ademais, a Xunta de Goberno acordou volver contratar o subministro de uniformes para a Policía Local. O Concello tivo que resolver o contrato coa anterior adxudicataria polos defectos no vestiario que entregou. Como se lembrará, a resolución do contrato fíxose co visto bo do Consello Consultivo de Galicia.

A contratación de pezas de vestiario de uniforme para a Policía Local ten un presuposto máximo de 128.938 euros. E o prazo de execución é dun máximo de 60 días dende a petición correspondente e a comprobación das tallas. Os tipos de peza para subministrar son as seguintes: cazadora tipo polar, polos de manga corta, polos de manga larga, pantalóns de faena, pares de botas, cintos, gorras tipo béisbol, camiseta interior, xersei, soporte do cinto para guantes anticorte, navallas de rescate, placas de peito, placas de carteira, carnés profesionais e carteira portaplacas.

O Goberno local aprobou, tamén, a prórroga por un ano do contrato coa adxudicataria do servizo da rede corporativa de comunicacións de voz e datos deste Concello por valor máximo de 190.166 euros anuais.

Multimedia