Comezan as xuntanzas das mesas temáticas referidas ao desenvolvemento da Axenda 21

Martes, 22 de mayo de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O xoves 24 celebrarase a primeira das mesas sobre ordenación sostible do Territorio

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21 do concello de Lugo, a nacionalista Paz Abraira, ven de convocar a segunda rolda de mesas temáticas da Axenda 21 local. Con esta segunda convocatoria, referida ao desenvolvemento da Axenda 21L do Concello de Lugo, séguense os pasos fixados previamente. Nas mesas temáticas analizarase cales son as prioridades en cada un dos aspectos tratados para levalas a debate no Foro da Sostibilidade que é o espazo central de participación a través do que se vehicula a elaboración da Axenda 21 Local. Paz Abraira sinalou que “o noso obxectivo é incrementar a participación dos veciños e veciñas en todo o relativo á Axenda 21 local”.

Todas as xuntanzas se celebrarán ás 20:00 horas no Centro Social Maruxa Mallo, situado no Carril das Hortas, s/n, e estarán abertas á incorporación de calquera entidade ou colectivo xa que se trata dun proceso aberto e dinámico de participación cidadá. No programa de actuación da Axenda 21 Local de Lugo, propúñanse unha serie de actuacións concretas centradas nas oportunidades e valores sociais no noso concello. Segundo Paz Abraira “agora é o momento de avaliar o grao de cumprimento dese plano de acción para actualizalo e planificar as novas actuacións dos vindeiros anos”.

O obxectivo da Axenda 21 Local é lograr unha cidade máis habitable na que sexa máis cómodo vivir a través dun proceso de humanización das rúas, prazas e demais espazos do noso Concello. Este obxectivo vén enmarcado dentro do acordo de goberno que desenvolve un programa centrado na optimización dos recursos, no camiño de mellorar a prestación dos servizos e o recorte do gasto. Para acadar estes obxectivos estableceuse, ademais do Foro da Sostibilidade que é o espazo central de participación, un total de 5 mesas temáticas que absorben a participación de diferentes institucións, entidades, colectivos e persoas individuais. Estas mesas temáticas son: Mesa de ordenación sostible do territorio;  Mesa de emprego e desenvolvemento económico; Mesa de medio ambiente; Mesa de participación cidadá e conciencia comunitaria e a Mesa de servizos sociais e sanitarios.

Participación na web
Unha das ferramentas fundamentais para a participación cidadá é a renovada páxina web da Axenda 21L do Concello de Lugo (www.lugo.es/ws/axenda21). A páxina está completamente actualizada e nela recóllense temas de actualidade, información específica, material de consulta, etc. Un dos apartados principais é o material de consulta onde se pode consultar e descargar o Documento de priorización de actividades do programa Plano de Acción Axenda 21L. A través dese documento calquera persoa interesada, pode dar prioridade a aquelas accións que considere de maior interese para que sexan tratadas nas mesas temáticas e no propio Foro da Axenda 21L. O documento pode devolverse cumprimentado ao enderezo axenda21@concellodelugo.org, ou ben entregando en man na Concellería de Infraestruturas e Axenda 21. Así mesmo, está en funcionamento, dentro da páxina web, un foro que é un punto de encontro, de posta en común e de achegas entre todas aquelas persoas que se dean de alta no mesmo.

 

Datas das novas convocatorias das mesas temáticas:

MESAS TEMÁTICAS AXENDA 21L

Lugar: Centro Social Maruxa Mallo

  Data Hora
Mesa ordenación sostible do territorio 24/05/2012 20h. a 21:30h.
Mesa de emprego e desenvolvemento económico 28/05/2012 20h. a 21:30h.
Mesa de medio ambiente 30/05/2012 20h. a 21:30h.
Mesa participación cidadá e conciencia comunitaria 31/05/2012 20h. a 21:30h.
Mesa servizos sociais e sanitarios 06/06/2012 20h. a 21:30h.

Multimedia