Xa se pode ver un treito do acueduto romano atopado na praza de San Marcos

Viernes, 15 de junio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Tamén se está a instalar unha ventá arqueolóxica na Rúa Nova onde apareceron restos do trazado orixinal da Muralla

O Alcalde, José López Orozco; o Tenente de Alcalde, Antón Bao, os Concelleiros de Economía, Sonia Méndez; Urbanismo, Luis Álvarez, e de Benestar Social, Carmen Basadre, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, visitaron esta tarde a ventá arqueolóxica instalada na praza de San Marcos para que quede á vista un novo achádego arqueolóxico.

Trátase, neste caso, dun treito dos restos do acueduto romano que se atoparon durante as obras de peonalización de San Marcos. Este proxecto foi recoñecido pola Unión Europea como boa práctica pola participación de veciños e comerciantes e porque supuxo a integración de varias actuacións de distinto tipo, xa que incluíu a peonalización, a instalación de colectores soterrados, e a mellora estética coa eliminación de cableado, a instalación das terrazas de madeira e os novos rótulos dos establecementos da zona, ademais da posta en valor destes restos do patrimonio cultural de Lugo.

Para poñelos en valor e facelos visibles o Concello instalou unha ventá arqueolóxica de 25 metros de longo e 2,5 metros de ancho.

O Alcalde amosou a súa satisfacción por esta actuación coa que “se poñen en valor os restos arqueolóxicos da nosa cidade, que ten un dos seus piares no seu pasado romano” e felicitouse porque o acueduto quede á vista “uns días antes do Arde Lucus”.

Ademais, López Orozco apelou “á sensibilidade dos lucenses e dos que nos visitan para que respectemos estes vestixios do noso pasado”.

A instalación da ventá arqueolóxica para facer visibles e por en valor os restos do acueduto foi financiada con fondos do Plan Urban, que achegan a Unión Europea, a través do FEDER, o Concello e a Deputación provincial. Grazas ó Plan Urban tamén se financiou a instalación da ventá arqueolóxica da piscina romana da praza de Santa María e agora estase a instalar outra ventá nos restos da Muralla existentes na rúa Nova.

A aparición deste achádego permitiu coñecer nova información sobre a historia da cidade xa que, segundo a Xefa de Arqueoloxía do Concello, Covadonga Carreño, “pensábase que sobre o acueduto romano se situaba o do Bispo Izquierdo, que é da segunda metade do século XVIII, pero esta actuación permitiunos comprobar que non é así, xa que sobre o muro apareceron unhas laxes de pizarra superpostas que non son posteriores ó século XVI”.

O acueduto romano de Lugo está datado na primeira década do século I despois de Cristo, a súa lonxitude sería de aproximadamente 2.500 metros e o seu percorrido iría desde a zona de Castiñeira, e o Monte das Pías, onde estarían as fontes, ata a zona da Milagrosa, logo entraría dentro da Muralla pola praza de San Fernando e chegaría ata a praza de Santo Domingo, onde estaría o depósito para a distribución da auga á cidade.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia