Aberto o prazo de solicitudes para o aluguer de vivendas adaptadas para persoas con discapacidade na Casa Domótica

Martes, 10 de mayo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade infórmase da apertura do prazo de solicitudes para acceder ao aluguer de vivendas adaptadas para persoas con discapacidade na Casa Domótica. As bases foron publicadas o pasado venres no BOP, polo que o prazo para as solicitudes será de 15 días naturais contados dende o día seguinte a súa publicación.

As bases foron elaboradas conxuntamente con asociacións de persoas con discapacidade, e posteriormente aprobadas pola Xunta de Goberno Local. En total son catro as vivendas adaptadas que o Concello, a través de servizos sociais, pon a disposición de persoas con discapacidade e mobilidade reducida na rúa Leiras Pulpeiro nº7. As vivendas destinadas para o alugueiro son a segunda, terceira, cuarta e quinta planta. Cada unha delas conta cunha praza de garaxe adaptada, e teñen unha superficie de 88,70 metros. Todas as vivendas contan cun cuarto principal, un lavadoiro-tendedeiro, un cuarto, cuarto de baño, corredor, cociña, salón-comedor e unha terraza-balcón. O primeiro andar e o baixo quedarán para uso social do Concello de Lugo.

Os prezos de aluguer oscilan entre os 159 euros e 190 euros. Os requisitos para poder acceder a unha destas vivendas adaptadas é ser maior de idade e menor de 60 anos, ter plena capacidade de obrar e ter unha discapacidade física do 33% ou máis, ser pensionista da seguridade social cunha pensión de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, e sempre con mobilidade reducida. Será necesario residir no Concello de Lugo dende hai alomenos dous anos, e acreditar a necesidade dunha vivenda. O contrato de alugamento terá unha duración de dous anos a contar dende a súa sinatura. Cando chegue o vencemento o Concello deberá prorrogar anualmente o contrato ata que acade os cinco anos. Os baremos que se terán en conta para a adxudicación estarán baseados nas circunstancias persoais e familiares, situación económica, grao de discapacidade así como as condicións de habitabilidade da vivenda na que residan os solicitantes.

As bases poden consultarse no BOP ou no perfil do contratante na páxina web do Concello www.lugo.es.