O Concello recurre a negativa do IGVS a empregar para emerxencia social unha vivenda á que renunciou o adxudicatario

Viernes, 18 de febrero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, anunciou esta mañá, tras a celebración da Xunta Extraordinaria do Goberno Local, que o Concello de Lugo interporá un recurso a Xunta de Galicia contra a negativa do IGVS de permitir ao Concello o emprego dunha vivenda das destinadas o realoxo das familias residentes no poboado do Carqueixo para emerxencia social.

Segundo explicou a Concelleira, hai dous anos o Concello adquiriu quince vivendas en convenio coa Xunta de Galicia para a erradicación do chabolismo. O presuposto da adxudicación foi de 1.700.000 euros, o 65% aportado pola Xunta de Galicia e o 35% restante polo Concello de Lugo. As quince vivendas acordadas neste convenio foron adxudicadas, agás unha delas por renuncia da familia destinataria. Ante esta situación, explicou Basadre, o Concello de Lugo solicitou a Xunta de Galicia o cambio de uso de vivenda como recurso social de aloxamento alternativo, en tanto non se levaran a cabo novos programas de erradicación do chabolismo.

A resposta do IGVS, sinalou Carmen Basadre, foi que non procedía o cambio de uso. Ante esta negativa, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, explicou que o Concello interporá un recurso de reposición porque “consideramos que é moi importante dispor nestes tempos dunha vivenda que xa está dispoñible para ser utilizada en ámbitos de emerxencia social”.

Vivendas da Ponte

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade tamén informou de que o Concello xa contestou indicando as deficiencias que deben ser subsanadas a o último escrito da construtora adxudicataria das vivendas da Ponte. Basadre tamén sinalou que o Concello acaba de recibir resposta do IGVS a unha solicitude de información que lle fixera o Consello de Servizos Sociais. Nesta resposta, o IGVS recoñece que o Concello de Lugo leva feitos seis requirimentos sobre as vivendas da Ponte.

 

Multimedia