O Concello aproba o proxecto técnico de urbanización da travesía de Nadela que suporá diversas melloras para os veciños

Jueves, 20 de enero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O proxecto, que xa se mandou a Fomento, prevé un investimento dalgo máis de 1.400.000 euros para facer beirarrúas, unha praza, a canalización de servizos, a plantación de árbores e a instalación de mobiliario urbano

Retómanse as obras de alumeado de Santo Domingo logo de que Cultura comunicara hoxe que autoriza o control arqueolóxico

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto técnico de reurbanización e renovación de servizos na NVI - Travesía de Nadela encargado polo Concello trala execución do desdobramento A Tolda-Nadela, executado por Fomento. Esa obra supuxo crear un novo vial polo que se desviará gran parte do tráfico que antes circulaba pola devandita travesía, segundo manifestou o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, en rolda de prensa.

Piñeiro destacou que a diminución no tráfico e a redución de velocidade na travesía de Nadela, que se limitará, segundo as zonas, a 50, 30 ou 20 km/h, permitirá acometer diversas actuacións que suporán melloras tanto estéticas como funcionais e considerou que se trata “dun proxecto moi importante para o benestar dos veciños desta zona que logo da creación dun terceiro carril na travesía mesmo tiñan complicacións nas súas comunicación”.

O proxecto de urbanización do núcleo de Nadela contempla diversas actuacións co obxectivo de “humanizar a zona e dotala de distintos servizos”, segundo dixo José Piñeiro.

O proxecto abarca unha lonxitude de 700 metros, desde a rotonda da Autovía de Sarria ata a empresa láctea situada á saída de Nadela. Entre as obras que inclúe figura a creación de tres glorietas para distribuír o tráfico, e a construción de beirarrúas cun ancho de entre 90 cm e 2 metros. As beirarrúas faranse de xeito que a súa rasante quede á altura das entradas ás casas que, en moitos casos, teñen diferentes alturas. Naquelas que non se poida adaptar a rasante ó acceso ás vivendas, a altura salvarase coa instalación de escaleiras e rampas accesibles.

Tamén está previsto facer unha praza no enlace coa antiga estrada de Sarria. Ademais as obras de humanización do núcleo de Nadela conlevan a renovación da canalización dos servizos de auga, cable, telefonía e alumeado público. Piñeiro engadiu que outras melloras previstas no proxecto son a plantación de árbores e a instalación de mobiliario urbano.

O proxecto técnico, que encargou o Concello, xa se enviou ó Ministerio de Fomento, segundo comunicou o Concelleiro de Infraestruturas que cifrou o presuposto das obras en 1.423.000 euros e o prazo de execución das mesmas en doce meses.

Praza de Santo Domingo

O responsable municipal de Infraestruturas tamén informou de que o Concello recibiu esta mañá, por fax, a resolución da Delegación Territorial de Cultura que autoriza a realización do control arqueolóxico das obras de alumeado público na praza de Santo Domingo e Tuñas Bouzón.

José Piñeiro criticou que Cultura dese a coñecer onte ós medios de comunicación que levanta a paralización das obras e non o comunicara ó Concello ata hoxe “é unha mostra máis de que Cultura non emprega os canais de comunicación correctos entre dúas institucións”.

Logo de recibir o escrito de Cultura “a partir de hoxe retómanse as obras de renovación de alumeado público co control arqueolóxico correspondente”, segundo manifestou o Concelleiro de Infraestruturas.

Garderías

Pola súa parte, o Voceiro do Goberno local, José Rábade, manifestou que a Xunta “vólvese esquecer de Lugo” cando anuncia que vai crear 1.000 novas prazas de garderías en Galicia.

Rábade lembrou que o Alcalde pediulle á Xunta en repetidas ocasións que colabore no mantemento das dúas garderías que xa están en funcionamento e nas dúas que están a piques de abrir na cidade.

O Voceiro do Goberno local dixo que “esta é unha demanda lóxica que fai o Concello” e considerou que “se a Xunta vai crear 1.000 prazas novas, Lugo ten que ser unha das prioridades e non o está a ser”.

Multimedia