A cidade de Lugo formará parte do Comité Executivo da Alianza EU-LAC de cidades contra as drogas

Jueves, 14 de octubre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde interviu hoxe neste Foro internacional de cidades europeas, latinoamericanas e do Caribe no que se asinou a chamada Declaración de Lugo

Lugo vai formar parte do Comité Executivo da Alianza EU-LAC, Cidades pola Reducción da Demanda das Drogas. A nosa cidade ocupará unha das vicepresidencias do Comité Executivo que tamén formarán Goteborg, San Miguel de Tucumán e Coimbra e que presidirá a cidade peruana de Lambayeque.

A proposta partiu da CICAD e dos países participantes no Foro que se está a participar en Coimbra, no que se creou esta Alianza, ó considerar que a nosa é a cidade de España máis activa no traballo de prevención das drogas.

A Alianza EU-LAC de Cidades pola Reducción da Demanda das Drogas é un compromiso que asumen as cidades para seguir intercambiando experiencias e boas prácticas na loita contra as drogas, logo do Cumio internacional que tivo lugar o pasado mes de abril en Lugo, do que saíu unha Declaración que se asinou hoxe no Foro de Coimbra.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, foron convidados pola CICAD e o Concello de Coimbra a participar neste encontro.

Intervención do Alcalde

López Orozco interviu hoxe pola mañá Foro de Coimbra. Na súa intervención o Alcalde salientou que desque se iniciou o proxecto, no ano 2007, conseguiuse que “o problema das drogas se poña sobre a mesa política”. Tamén destacou que neste tempo “intercambiáronse experiencias e boas prácticas”. Segundo os datos que facilitou, “orredor de 2.000 persoas pasaron por actividades EU-LAC, sen contar as que o fixeron por medio do entorno virtual”.

Tamén fixo referencia á creación de proxectos piloto de tribunais do tratamento de drogas en Suriname e México, así como á creación da Asociación Europea de Tribunais de Tratamento de Drogas.

O Alcalde salientou que “o papel da cidade de Lugo, en colaboración co proxecto EU-LAC, foi e continuará a ser o do asesoramento para a posta en marcha de estratexias bilaterais e o liderazgo de proxectos relacionados coa prevención das dorogdependencias”.

“O Concello de Lugo, apoiado polo Plan Nacional sobre Drogas, incidiou moito en que a clave para a reducción da demanda de drogas é a prevención, que engloba todas as medidas informativas e educativas dirixidas á poboación potencialmente consumidora”, dixo o Alcalde noutro momento da súa intervención.

Para López Orozco, “non podemos loitar contra as drogas se só combatimos a súa venda e tratamos ós que teñen unha adicción, debemos ir máis aló e buscar a orixe do problema, que está máis na falla de información e formación dos potenciais consumidores, na falla de sensibilización de valores, na permisividade dalgúns gobernos coa producción e no fácil acceso para as persoas máis vulnerables da sociedade, os nosos mozos”.

O Alcalde indicou que Lugo ten firmado xa acordos bilaterais nesta materia con cidades como Mexicali (México), Montevideo (Uruguay), San Ramón (Costa Rica) e Colón (O Salvador). Tamén lembrou a celebración do Cumio que se celebrou do 21 ó 23 de abril na nosa cidade que rematou coa redacción da chamada Declaración de Lugo que agora se asina en Coimbra e na que se recolle a filosofía do proxecto EU-LAC: un intercambio de boas prácticas para aprender uns dos outros.

“Con esta Declaración de Lugo marcamos ademáis o inicio da Alianza EU-LAC que se compromete a intercambiar experiencias respetando os dereitos humanos”, dixo o Alcalde e engadiu que “esta Alianza debe ser un compromiso para seguer traballando en equipo e para seguir ó lado de sociedades que verdadeiramente sofren a lacra das drogas, un acordo irrompible para axudar a aquelas persoas que nos necesitan”.

López Orozco explicou que “en Lugo queremos dar un paso máis porque cremos que agora é o momento de ir máis aló da prevención e o tratamento, debemos ir á raíz: a producción”.

Máis información:

http://www.oas.org/OASpage/press_releases/press_release.asp?sCodigo=C-347/10

http://www.oas.org/OASpage/press_releases/press_release.asp?sCodigo=E-347/10

www.cumbrelugo.org

 

Multimedia