O Concello aforrará case o 38% do gasto en enerxía nas oficinas do Edificio administrativo do Seminario

Miércoles, 13 de abril de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Hoxe celebrouse a segunda reunión da Comisión de Eficiencia Enerxética

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, tomaron parte hoxe na segunda xuntanza que celebra a Comisión de Eficiencia Enerxética constituída polo Concello de Lugo para adoptar medidas de aforro no consumo de enerxía nas distintas dependencias municipais.

Sonia Méndez anunciou que o Concello vai levar a cabo unha serie de melloras para aforrar enerxía en varias dependencias municipais que suporán un investimento de 97.000 euros, e que contarán cunha subvención do 25% do INEGA.

Méndez explicou que a principal actuación afectará ó Edificio administrativo do Seminario “no que traballan 195 persoas e polo que pasan cada ano 38.000 usuarios, polo que ten un consumo elevado de enerxía eléctrica, que supón un gasto anual de máis de 34.000 euros”.

Coas medidas que se van levar a cabo, “conseguiremos un aforro de preto de 13.000 euros, o que supón un 37,9% do gasto actual, o que nos permitirá amortizar a inversión en seis anos”, indicou a Concelleira de Economía

Tamén explicou Sonia Méndez que estas medidas “repercutirán nunha mellora medioambiental e nun aforro considerable”. Ademais, sinalou que as medidas que se poñerán en marcha forman parte das propostas contidas nas auditorías sobre consumo de enerxía que se fixeron en dependencias municipais.

Pola súa parte, o Concelleiro de Infraestruturas indicou que os investimentos adicaranse ó cambio de fluorescentes e lámpadas por outras luminarias de menor consumo enerxético. Tamén está previsto instalar mecanismos de control do encendido e apagado das lámpadas para aproveitar máis a luz natural e de controis de presenza.

José Piñeiro tamén indicou que, ademais do Edificio administrativo, está previsto iniciar este tipo de actuacións noutras dependencias municipais como as piscinas das Pedreiras e de Frigsa, no Centro de convivencia Uxío Novoneyra, o Mercado municipal Quiroga Ballesteros e no Pavillón municipal de Deportes.

Multimedia