Concello e Fomento asinarán un novo convenio para conectar a Autovía de Santiago coa nova Ponte do Miño e coa Autovía do Noroeste e para iluminar a Ronda Norte

Martes, 22 de marzo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Ministro de Fomento, José Blanco, presidiron hoxe o acto de presentación da remodelación da Avenida de Madrid, tralas obras de adecuación que se levaron a cabo nela.

Esta obra supón a conclusión de dous convenios asinados no seu día polo Concello e o Ministerio de Fomento por importe dun total de 23 millóns de euros que supuxo a transformación en vías urbanas das travesías que formaban parte da rede estatal de estradas e a mellora nos accesos á cidade de Lugo.

O Alcalde e o Ministro de Fomento salientaron que logo destas obras a entrada sur da cidade mellorou tanto na súa amplitude como na seguridade vial.

O Ministro anunciou que, unha vez rematadas as actuacións previstas nos convenios anteriores Fomento asinará outro convenio co Concello de Lugo para executar novas infraestruturas.

Un dos proxectos suporá a conexión da A-54, a Autovía Lugo-Santiago, coa A-6, a Autovía do Noroeste, o que suporá dotar á cidade dunha Terceira Ronda.

Outro proxecto consistirá en facer unha conexión da Autovía Lugo-Santiago coa nova Ponte sobre o Río Miño.

Para o Alcalde estes proxectos suporán “mellorar as comunicacións de todas as parroquias do Concello ó tempo que vai evitar a circulación de camións pola cidade”.

O Ministro de Fomento tamén anunciou que Fomento farase cargo de executar a iluminación da Ronda Norte, entre Garabolos e a Campiña, unha vez que o Concello faga o proxecto.

Ademais o Ministro sinalou que no mes de maio comezarán os traballos de mellora nos nós en treitos de acceso a Lugo que quedarán adxudicados definitivamente nos próximos días.
José Blanco avanzou tamén que entre os meses de abril e maio entrarán en servizo outros 14 quilómetros da Autovía do Cantábrico e tamén se van licitar en breve os treitos pendentes da Autovía de Santiago.

Avenida de Madrid

O investimento realizado nesta actuación, que se incluíu no protocolo de estradas asinado polo Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento, ascendeu a 7,17 millóns de euros.

A lonxitude total da Avenida de Madrid é de 1,5 km. As obras consistiron en completar a duplicación da calzada na metade do seu trazado, onde tiña sección de calzada única, e no acondicionamento de todo o percorrido.

Melloras na travesía

Concretamente, as melloras realizadas na Avenida de Madrid se centráronse nos seguintes aspectos:

* Racionalización do trazado viario da avenida, duplicando a sección da súa calzada (que pasa a ter dous carrís por sentido con aparcamentos), entre a intersección da rúa Bernardino Pardo Ouro e a glorieta do enlace da Tolda coa LU-11, nunha lonxitude de 700 metros.

* Creación de tres novas glorietas que reordenan o tráfico desta importante arteria, permitindo efectuar cambios de sentido que ata agora non era posible realizar.

* Rehabilitación do firme da calzada existente e reposición das beirarrúas, cun deseño que foi adaptado ó modelo empregado polo Concello de Lugo.

* Mellora dos espazos públicos asociados ás zonas peonís adxacentes ó vieiro, téndose delimitado as zonas peonís e de aparcamentos.

* Mellora ambiental da zona, coa creación de novas zonas axardinadas na mediana da calzada desdobrada e coa instalación de diverso mobiliario urbano no contorno.

* Mellora do alumeado e a rede semafórica de toda a Avenida de Madrid. Repuxéronse os distintos servizos afectados tanto municipais como das distintas compañías subministradoras. 

A posta en servizo da duplicación de calzada e o acondicionamento da Avenida de Madrid permite mellorar o itinerario de acceso desde a A-6 e a LU-11 ata o centro da cidade, mediante unha vía urbana de alta capacidade, e rematar a entrega de todas as antigas travesías de estradas nacionais ó Concello de Lugo.

Ademais, coa finalización destas obras e a posta en servizo da nova ponte sobre o río Miño (prevista para o mes de xuño), finalizarán as actuacións incluídas no protocolo de estradas de Lugo.

Multimedia