Os parques infantís de Lugo son seguros e melloraron sustancialmente nos últimos anos

Jueves, 12 de agosto de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, asegurou hoxe que todos os xogos dos parques infantís de Lugo están homologados e cumpren coa normativa.

“O funcionario responsable que dá o visto e prace á instalación destes xogos xamais consentiría que se puxera un xogo non homologado”, enfatizou o Concelleiro quen explicou que a normativa, obrigatoria para os Concellos dende o ano 2008, non fala de que as cadeas dos columpios deban ter protección, xa que ese é un elemento decorativo, o que sí establece é a dimensión que deben ter esas cadeas”.

Esa normativa tampouco dí nada respecto a que deba haber fontes nos parques de xogos infantís “e non digo que non fora desexable” indicou González Dopeso e engadiu “por certo, nós temos fontes en moitas zonas de xogos e cando se obstrúen porque os nenos, ó xogar, botan terra nelas o servizo de mantemento de augas encargase de limpalas”

O Concelleiro tamén declarou que “quen viva en Lugo sabe o cambio sustancial que experimentaron nestes anos os parques infantís, porque se remodelaron prácticamente todos, por exemplo, recentemente remodeláronse os das Costas do parque e o de Fontiñas”.

Tamén é legal coa actual normativa que o chan dos parques infantís teñan area grosa.

Incendios forestais

O responsable municipal de Medio Ambiente tamén se referiu á política informativa da Xunta de Galicia sobre os incendios forestais que está a sofrir este verán Galicia. Lino González Dopeso criticou que a Xunta limite a información sobre os incendios co argumento de que se trata de non alentar ós incendiarios.

González Dopeso lembrou que Alberto Núñez Feijóo o 14 agosto de 2006, en plena ola de incendios “dixo que arderan 175.000 hectáreas en Galicia, cando as cifras oficiais feitas públicas en octubre cifraron en 148.000 as hectáreas queimadas en España e 93.000 delas en Galicia”.

“Aínda que estou seguro de que o señor Feijóo tenta loitar contra incendios de boa fe, eu pregúntome que lle pasou, cal foi a caída do cabalo de Pablo que experimentou para cambiar de opinión, porque lle parecía moi ben, en agosto de 2006, dar información cando estaba na oposición e agora que está gobernando non dá información aducindo que dala contribúe a que queimen o monte”, manifestou o Concelleiro de Medio Ambiente.

Multimedia