O Concello organiza un ano máis o tradicional Itinerario polas rúas e prazas dedicadas ás mulleres

Lunes, 31 de marzo de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O tempo aguantou e permitiu que un ano máis se celebrase o tradicional Itinerario de Mulleres organizado pola Concellería de Muller que dirixe Carmen Basadre e que consiste nun paseo polas rúas e prazas da cidade relacionadas con mulleres fundamentais na historia.

O itinerario comezou, como xa ven sendo habitual, no busto que se dedica á poetisa Rosalía de Castro no Parque co mesmo nome, e rematou no Museo Provincial. No Parque, o escritor Xoan Cuba foi o encargado de ler un poema de Rosalía, acto que repetiu en cada unha das paradas previstas.

O percorrido, que comezou ás 12:00 e durou arredor dunha hora, dedicouse a mulleres que tiveron relevancia na historia de Galicia e de España como Enriqueta Otero (Avenida García Portela), Concepción Arenal (Praza da Constitución), Santa Froila e María Castaña (Catedral de Lugo), María Balteira, a raíña dona Orraca (Pazo de dona Orraca), Prudencia Griffel (Rúa Nova) ou Xulia Minguillón e Maruja Mallo (Museo Provincial).

Nesta ocasión representando ao Concello asistiron a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro.

Esta actividade está enmarcada nos actos de celebración do Centenario do Día Internacional da Muller.