A Virxe dos Ollos Grandes celebrarase coa novidade dunha xornada de portas abertas para os colexios

Viernes, 28 de marzo de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presentou hoxe os actos de celebración da Virxe dos Ollos Grandes, patrona da Policía Local, o vindeiro 1 de abril.

Rábade anunciou que este ano contará cunha programación de actos diferente.

O día 1 de abril haberá a tradicional recepción de autoridades no Concello a partir das 11:30 e continuará cunha Misa na Catedral, concretamente na capela do Bon Xesús. Posteriormente farase a ofrenda floral, prevista para as 12:45 e convidarase aos asistentes a un viño galego no Círculo das Artes.

Trátase da celebración da XVII edición desta festividade que este ano conta con cambios. Rábade explicou que a partir de agora “non imos a facer o desfile da Policía nin o pase de revista que non ten sentido, senón unha xornada de portas abertas”, como síntoma de modernización deste corpo.

A xornada de portas abertas cos colexios, a partir de agora será habitual na celebración deste día, e finalidade é dar a coñecer a Policía Local e o seu sistema de traballo aos máis cativos, para que coñezan cales son as funcións deste corpo de seguridade local. O obxectivo, segundo explicou José Rábade é “achegar a Policía á cidadanía”.

O Colexio que vai a participar este ano nas I Xornadas de Portas abertas é o Rosalía de Castro con 50 alumnos, xa que alí estuda o Concelleiro da Área de Protección da Comunidade do goberno infantil da nosa cidade.

A actividade prevista consiste nun paseo polas dependencias da Policía cun axente que lles explicará cómo funciona e cómo é a Policía Local. Ensinaralles os vehículos e os distintos recursos que empregan para facer o seu traballo. A duración aproximada é de 45 minutos.

Haberá tamén unha explicación con materiais interactivos. Os agentes daranlles unhas normas básicas de uso da bicicleta e cómo ser un peón responsable. A duracción aproximada é tamén de 45 minutos.

Ao rematar os axentes entregaranlles unha mochila que conterá un chaleco reflectante e unha guía que recolle recomendacións de cómo circular en bicicleta.

Rábade tamén se referiu, a preguntas dos xornalistas, á situación da Policía Local en Lugo. Explicou que non é unha situación “anómala”, xa que se repite en cidades como Zaragoza, Huelva, Cádiz ou Ferrol.

“Hai un problema de adaptación a unha nova lei, a Lei de Coordenación de Policía Locais, e no trasfondo un problema económico. Rábade manifestou, como en anteriores ocasións, a súa dispoñibilidade a negociar, sempre que se garanta a seguridade da cidadanía “esa é a obriga indiscutible da Policía Local”. Explicou que a idea do equipo de goberno é ter unha policía “polivalente baseado no concepto de proximidade”.