Os Centros Sociais Municipais acollerán preto de corenta actividades de Nadal

Martes, 18 de diciembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou o programa de Nadal que se desenvolverá nos Centros Sociais Municipais, na Casa da Muller e nos servizos relacionados con Servizos Sociais.

Como en anos anteriores, os centros sociais contarán cun programa propio que funcionará entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro. As actividades, para as que haberá que facer inscrición entre o 17 e o 19 de decembro nos distintos centros, terán unha orientación maioritariamente infantil "para poder entreter aos máis novos durante as vacacións e, ao mesmo tempo, ofrecer unha axuda aos pais neste tempo de vacacións", explicou a edil.

Ao longo destas semanas celebraranse sesións de contacontos, monicreques, maxia, xogos e obradoiros nos que o Nadal será o tema protagonista do programa. Os nenos de entre 3 e 12 anos poderán aprender a deseñar adornos de Nadal ou relaxarse coa musicoterapia, a través de distintos talleres gratuítos que se impartirán nos distintos centros sociais da cidade.

Para fomentar a creatividade infantil e fomentar que os nenos melloren as súas habilidades e traballen coa imaxinación a Concellería de Muller e Benestar Social organiza obradoiros como “Nadal imaxinativo”, “Os pequenos artistas no Nadal” e talleres onde aprender a deseñar adornos para a árbore de Nadal.

A edil incidiu en que un dos obxectivos desta programación de Nadal é “ofrecer ás nais e aos pais unha axuda para que poidan compaxinar as súas obrigas laborais coa familia e ofrecerlles espazos tranquilos e actividades entretidas para os seus pequenos”. Ademais de todos os talleres deseñados, tamén abrirán as ociotecas e as aulas abertas durante os días 26, 27 e 28 de decembro, e os días 2, 3, 4 e 7 de xaneiro de 2008 entre as 9:00 e as 14:00 horas pola mañá, e de 16:00 a 20:30 horas pola tarde. Estes mesmos días, o CSM Sagrado Corazón acollerá o obradoiro “Nadal con corazón” que organiza distintas actividades lúdicas relacionadas co Nadal. Os nenos recibirán a media mañá un almorzo saudable para recargar enerxía.

A súa vez, Carmen Basadre engadiu que “o Nadal é tempo de pasar en familia polo que ofrecemos múltipes actividades para que compartan as nais e os pais cos seus fillos”. Entre elas, destacou a tradicional “Familia no Nadal” que xa cumpre a súa oitava edición.

Esta actividade gratuíta e aberta a todas as familias lucenses terá lugar o sábado 29 de decembro, a partir das 17:00 horas, no Auditorio Gustavo Freire. Esta será a gran festa familiar do Nadal e os asistentes poderán gozar de xogos, merenda, actuacións e moitas sorpresas.

Actividades especiais para os maiores

Como vén sendo tradicional nos últimos anos as persoas maiores gozarán dun programa de actividades deseñadas especialmente para o seu lecer, como son os bailes gratuítos que acollerán os distintos centros sociais e que todos os anos acadan un enorme éxito de participación.

Precisamente, o Centro de Día de As Gándaras celebrará a súa festa de Nadal o día 21 de decembro a partir das 16:00 horas. Actuará en directo o grupo Xeada e haberá canto de panxoliñas, doces e agasallos para os funcionarios. Estará aberta a todos os familiares.

Nadal en compañía

Un ano máis a Concellería de Muller e Benestar Social volve a organizar o proxecto “Nadal en compañía” dirixido a persoas maiores de 65 anos que viven soas, e todas aquelas que non teñen familia ou compañía con quen compartir as ceas de Noiteboa e Noitevella. Para elo o Concello ofrece o 24 e o 31 de decembro dúas ceas cun menú tradicional de Nadal.

Para participar neste programa é preciso inscribirse nos Centros Sociais. A cea ten un custo de 6,25 euros por persoa, pero aqueles que o precisen poderán solicitar ante a asistente social do centro correspondente a exención do pago.

A partir das 21:00 horas o restaurante Porta de Santiago acollerá as ceas de Noiteboa e de Noitevella e ofrecerá un menú composto por marisco, cordeiro, rapé e postres típicos de Nadal.
Sétima edición de Poesía no Nadal

Carmen Basadre anunciou a reunión de Poesía no Nadal que este ano cumpre a súa sétima edición e que “trata de servir de plataforma aos poetas noveis da cidade para que teñan a oportunidade de presentar as súas creacións poéticas ante o públicol”. O recital terá lugar o venres 21 de decembro a partir das 20:30 horas no Salón de Actos do Uxío Novoneyra.

Os artistas que presentarán as súas obras serán: Almudena Varela, Luis Valle, Francisco Reija Melchor, Luisa Pereira, Pepa García, Visitación Castro Ceide, Joaquín Carballido Parra, Elba Cancio e José Blázquez.

“A busca do tesouro”

A Concellería de Xuventude organiza unha nova edición do xogo “A busca do tesouro” que se disputará os días 27 e 28 de decembro. O prazo de inscrciuóns permanecerá aberto desde este venres, 14 de decembro e as inscricións poderán formalizarse na Oficina de Información Xuvenil ata o día 24 de decembro ás 19:00 horas.

Neste xogo de rastrexo poderán participar equipos de tres persoas de entre 14 e 30 anos de idade. O reto consiste en atopar un tesouro segredo seguindo pistas de caraácter histórico-cultural relacionadas coa cidade. Os gañadores recibirán distintos premios sorpresa.