O Punto Limpo recibe este ano un 155% máis de residuos informáticos que no 2006

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Tamén aumentou o depósito de aceite, fluorescentes e plásticos

O Concelleiro de Medioambiente, Lino Gonzélez Dopeso, presentou esta mañá un balance do primeiro ano e medio de funcionamento do Punto Limpo. Este depósito de residuos está situado no Polígono do Ceao e ten un horario ininterrumpido de luns a sábado de 9:00 a 21:00 horas.

O edil manifestou a súa satisfación ante o crecente uso que fan os lucenses deste servizo gratuíto, pois supón un descenso da aparición de vertedeiros incontrolados e favorece a correcta xestión de residuos contaminantes.

Explicou que o Punto Limpo experimentou un aumento notable na entrega de residuos con respecto ao ano pasado por estas fechas, segundo indican as cifras rexistradas:
- en 2006 xestionáronse 18.298 quilos, 1.794 litros e 2.492 unidades;
- mentres en 2007 recibíronse 18.532 quilos, 1.613 litros e 9.574 unidades dos distintos tipos de residuos que se poden depositar no Punto Limpo.

O concelleiro destacou o espectacular aumento na entrega de residuos encadrados nas chamadas liñas blanca e marrón, que son os electrodomésticos e aparatos eléctricos, como radios ou televisores, e os equipos informáticos o que aporta un dato moi positivo en materia de protección medioambiental.

En 2006 os lucenses depositaron 509 electrodomésticos e televisores, mentres en 2007 desfixéronse de 1.405. Polo que respecta aos equipos informáticos, en 2006 entregáronse 491 unidades; en 2007 depositáronse 1.252, o que supón un aumento do 155%. No Punto Limpo, tamén se recollen materiais como cd’s e tóner, e respecto ao ano pasado, o depósito destes materiais aumentou nun 266%.

Lino González Dopeso sinalou a necesidade de fomentar o uso do Punto Limpo entre os lucenses, para facilitar a eliminación correcta deste tipo de residuos, porque na sociedade actual o consumo deste tipo de produtos dispárase, mentres de xeito inverso, o periodo de vida útil destes aparatos acórtase.

O edil explicou que “segundo datos ofrecidos pola UE os residuos eléctricos e electrónicos xa supoñen maís do 4% do lixo total producido en Europa. Esta inxente cantidade de lixo hai que xestionala correctamente, porque estes produtos constrúense con materais altamente contaminantes, como son os metais como o cadmio, chumbo, cromo hexavalante ou mercurio, entre outros… E este tipo de metais son tóxicos para os seres vivos e degradan o medioambiente, polo que os cidadáns deben saber que dispoñen dun servizo gratuíto onde depositar estes aparellos”.

En España producíronse en 2006 máis de 400.000 toneladas deste tipo de residuos, mentres en 2004 os datos sinalaban 160.000 toneladas. Este aumento da unha idea da necesidade de xestionar correctamente estes desperdicios para evitar o deterioro medioambiental que provoca este tipo de lixo.

O Punto Limpo é un punto de recollida que despois entrega estes desperdicios aos xestores autorizados para facilitar a súa reciclaxe. Os prezos que pagan os consumidores na compar de equipos informáticos e de teléfonos móbiles inclúen un canon de reciclaxe. Coa tecnoloxía da que dispoñen as empresas o 95% dos compoñentes dun teléfono móbil e o 70% dunha lavadora poden reutilizarse, .

En España supéranse os 47.500.000 de teléfonos móbiles, e cada cidadán cambia de teléfono cada 16 meses. Estes son produtos fabricados con metais altamente contaminantes, en especial as baterías que empregan. En Lugo, entregáronse 75 móbiles, fronte aos 50 do ano 2006.

Lino González Dopeso destacou que “é positivo que aumente o depósito de aceite doméstico, que pasou de 212 litros a 633 litros no 2007, o que supón un crecemento do 183%. Espero que esta tendencia siga crecendo, pois hai que acabar co hábito de tirar o aceite polos desagües ou co lixo orgánico”. Tamén recibíronse 193 litros máis de aceite de coches con respecto ás mesmas datas do ano pasado.

Neste semestre foron recollidas importantes cantidades doutros produtos como fluorescentes que, tamén amosan un extraordinario aumento, pasando das 93 unidades do 2006 aos 1.657 unidades entregadas neste ano. Tamén destacan os datos referidos aos aerosoles, que aumentaron nun 129%.

Respecto o depósito de plásticos, xoguetes e persianas pasouse das 87 unidades entregadas o ano pasado ás 825 unidades deste semestre.

No Punto Limpo tamén se recolleron este ano 23,5 kilos de medicamentos fronte aos 11 quilos de 2006. Mentres, os datos sobre a entrega de chatarra descenderon pasando de 2.210 quilos en 2006 a 1.818 quilos en 2007. Outra cifra positiva refírese ao depósito de plásticos para silos, que aumentou a máis de sete metros cúbicos, fronte aos 6 metros cúbicos de 2006.