O Concello de Lugo propón unha reestruturación do Consello de Servizos Sociais para ampliar o seu marco de acción

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu o luns día 5 de novembro a xuntanza do Consello de Servizos Sociais do Concello de Lugo que se celebrou ás 9:00 horas na Casa Consistorial.

O principal tema que se abordou nesta xuntanza foron os orzamentos dos Servizos Sociais para o exercicio económico do ano 2007. Ademais, o Alcalde propuxo unha reestruturación da composición do consello para ampliar o seu marco de desenvolvemento incorporando ao Sergas e ao Colexio Oficial de Enfermería para contar deste xeito cunha representación efectiva do sector sanitario. Esta proposta de modificación do regulamento municipal ten que ser aprobada no Pleno Municipal.

Outra das propostas do mandatario foi a de crear dúas comisións de traballo especializadas en dous sectores: maiores e dependentes, para poder abordar dun xeito específico as necesidades destes grupos poboacionais e realizar un seguimento permanente das accións desenvoltas, para o cal se reunirían cunha periodicidade trimestral.

Para completar as actuacións, tamén se propuxo crear unha comisión técnica integrada por técnicos especialistas en servizos sociais de todas as entidades participantes co fin de contar coa experiencia destes profesionais e do seu asesoramento.

A creación destas comisións serviría para coordinar os servizos sociais municipais cos das outras administracións e, tamén, para acadar unha visión máis complexa das necesidades sociais e por en común tanto recursos como solucións.
O fin principal é implicar a todos os sectores implicados nos servizos sociais e duplicar o número de reunións ao ano para ampliar o marco de desenvolvemento do Consello.

Este consello está integrado na actualidade por representantes da administración municipal e autonómica Concello -o Alcalde é o Presidente, a Concelleira de Muller e Benestar Social, a Concelleira de Cultura e Turismo, a Concelleira de Economía e Emprego e o Concelleiro de Deportes-, un representante de cada grupo político municipal, por representantes dos Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

E tamén, por representantes dos distintos sectores sociais implicados no ámbito do benestar social como: organizacións sindicais, a Cel e por representantes de asociacións de mulleres, de maiores, de mozos, de persoas con discapacidade, de minorías étnicas, de drogodependendientes, e ONG’s -como Cruz Vermella e Cáritas.