Preto de mil persoas solicitaron os servizos da Oficina Municipal de Atención ao Inmigrante e ao Emigrante retornado

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, presentou un balance das actuacións desenvoltas pola Oficina Municipal de Atención ao Inmigrante e ao Emigrante Retornado durante os primeiros seis meses deste ano.

Un total de 996 persoas solicitaron os servizos desta oficina, que conta cun equipo de traballo conformado por unha avogada, dúas traballadoras sociais e unha auxiliar administrativa que prestan atención no Centro Social Uxío Novoneyra e no Centro Social da Milagrosa. Os horarios de atención son luns, martes, xoves e venres de 8:30 a 14:30, e os mércores de 9:00 a 12:00 pola mañá, de 16:00 a 20:00 horas, pola tarde.

O Concello firmou, hai tres anos, un convenio coa Secretaría Xeral de Inmigración da Xunta de Galicia, que subvenciona a contratación a xornada completa dunha avogada e dunha auxiliar administrativa. Este ano o servizo conta cun orzamento de 67.435 euros.

As mulleres son as principais usuarias dos servizos ofertados pola Oficina de Atención ao Inmigrante e ao Emigrante Retornado, cunha porcentaxe do 68% fronte ao 31% de consultas realizadas por homes. Por grupos de idades, 680 usuarios está entre os 30 e os 64 anos,seguidos dos 285 que se sitúan na franxa de 17 a 29 anos. Do total das persoas atendidas, o 99'5% residen na cidade e 32 son emigrantes retornados.

Esta oficina conta cun servizo de asesoría xurídico-laboral, que atendeu 283 consultas durante este semestre, das cales 168 foron realizadas por mulleres. Na maioría dos casos, os usuarios acuden na procura de asesoramento legal (215 casos) e de orientación laboral (116). A nivel xurídico, préstanse servizos relacionados con tramitacións de permisos de residencia e traballo, xestión de documentación e redacción de escritos xurídicos.
Polo que respecta á orientación laboral, a avogada informa sobre formación, redacción de currículos, sobre ofertas laborais ou preparación de entrevistas de traballo.

O Servizo de Atención e Información Social atendeu a 713 persoas, que na maioría dos casos, acuden por problemas relacionados coa insuficiencia de recursos. Nestes casos, as traballadoras sociais tramitanlles a emerxencia social na Xunta ou no Concello, segundo proceda. Outros dos servizos máis importantes que realiza son as visitas a domicilio, a axuda ao menor e a elaboración de informes sociais. Entre estes últimos destacan o informe de arraigo, que actualmente é a vía máis recurrida para obter os permisos de residencia, e os informes para reagrupamento familiar.

Segundo o país de orixe, a maioría dos inmigrantes que solicitan os servizos da Oficina Municipal de Atención ao Inmigrante e ao Emigrante Retornado proveñen principalmente de Colombia, Marrocos, Brasil, República Dominicana, Cuba ou Perú. Outros países de procedencia dos usuarios Arxentina, Portugal, Rumanía, Uruguai, ou Arxelia, entre outros.

Desde este servizo tamén se xestiona, en colaboración coa Cruz Vermella, un piso de acollida tutelado e con atención permanente para innmigrantes no que se atenderon a oito persoas ao longo do primeiro semestre.

Outras iniciativas desenvoltas pola Oficina Municipal de Atención ao Inmigrante e ao Emigrante Retornado son os cursos de formación que se celebran periódicamente, como os de español para estranxeiros e os de novas tecnoloxías. Como novidade dentro do servizo, Carmen Basadre recordou a próxima posta en marcha do convenio coa Consellería de Traballo para desenvolver unha actividade formativa para formar mediadores interculturais.

Padrón municipal
O dato do censo do padrón de inmigrantes en Lugo ascende a 4.205 persoas tras a incorporación, ao longo destes seis meses, de 685 inmigrantes. Das persoas que se asentaron en Lugo, 405 proveñen do estranxeiro e 224 chegan doutros municipios estatais. Por outra banda, causaron baixa no padrón 243 inmigrantes, ben por caducidade, defunción, expulsión ou por desprazamento a outro Concello.