Carmen Basadre recibe aos nenos saharauis que conviven durante o verán con familias lucenses

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Servizos Socais, Carmen Basadre, recibiu ás 11:30 horas no Salón de Plenos do Concello ao grupo de nenos saharauis que están a convivir durante o verán con nove familias lucenses.

Esta recepción encádrase dentro do convenio de colaboración entre o Concello e a ONG “Solidaridade Galega co Pobo Saharaui” para o proxecto “Vacacións en Paz”.

A edil felicitou ás familias de acollida pola súa solidariedade e pola súa lección de convivencia. Para os nenos tivo palabras de agradecemento e lles convidou a voltar o ano que vén, ademais, entregoulles uns agasallos que consistiron nunha bolsa con material escolar, camisetas e un exemplar da revista “Lugo, vive e convive”.

Este ano o Concello subvenciona a acollida de nove nenos saharauis por parte das familias lucenses que o solicitaron. Os nenos acollidos, que teñen entre sete e doce anos, chegaron o 2 de xullo e permanecerán en Lugo ata principios de setembro. Durante estes dous meses teñen a oportunidade de gozar das comodidades dun país desenvolvido e de aprender o galego e o castelán. Ademais, realízaselles unha revisión médica completa e probas oftalmolóxicas, e aqueles nenos nos que se detecta algún problema de saúde, son derivados ao especialista correspondente.

As familias lucenses que acollen aos nenos foron seleccionadas polos traballadores sociais do Concello, que visitan o fogar do solicitante e lles fan un cuestionario coa finalidade de valorar que sexa un ambiente adecuado para o neno. Non se estima un renda alta senón que a familia dispoña dun ambiente agradable e que na casa teña a posibilidade de convivir con outros nenos da súa idade.

Para os nenos o máis abraiante é a facilidade para conseguir a auga na billa, na ducha, no río e máis na praia, cando no Sáhara reteñen ata a derradeira gota. Respecto á alimentación, o que máis lles gusta é a pasta e, por suposto, non comen carne de porco, nin son larpeiros.