Presentación de I Congreso Galego, O Alzheimer e outras Demencia

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O acto estivo presidido por Carmen Pena Ledo, Presidenta de Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo

No acto de presentación participaron ademais representantes dos principais patrocinadores do evento. Deste xeito estiveron presentes Branca Rodríguez Pazos, Delegada en Lugo da Consellería de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar; Carmen Basadre, Concelleira de Muller e Benestar Social do Concello de Lugo; Miguel Ángel Rodríguez Lois, Delegado en Lugo da Consellería de Sanidade e José Luis Rodríguez López, Director Provincial do SERGAS; Isabel González Araújo, subdirectora de El Progreso; Juan José Castro Domínguez, Responsable do Programa de Maiores da Obra Social de Caixa Galicia; e Rubén López, Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Polo comité organizador estiveron tamén presentes Xesús Rodríguez, Profesor Titular do Depertamento de Didáctica e Organización Escolar da USC; Alberto Fernández de Sanmamed, Presidente do Colexio de Educadores Sociais de Galicia; e Rosana Barreiro, Diplomada universitaria en Terapia Ocupacional.

Carmen Basadre destacou a implicación do Concello de Lugo neste congreso, xa que é esta unha enfermidade que afecta a gran parte da sociedade; en Lugo, hai rexistrados uns 1.500 casos. Ademais, indicou a idoneidade do congreso nun momento no que está a piques de aplicarse a “Lei de Autonomía Persoal e de Atención á Dependencia”.

O Concello aposta dende hai dous anos pola loita e prevención contra esta enfermidade. Neste senso, Basadre indicou a colaboración coa asociación (AFALU) dende o ano 2003, cunha inversión inicial de 30.000 € e que hoxe supera os 600.000 €.

Congreso Galego: O Alzheimer e outras Demencias na Sociedade de Hoxe

Son máis de 20.000 as persoas que en Galicia sofren o mal de Alzheimer e outras demencias. Moitos son tamén os coidadores e coidadoras que a diario adican tempo a afrontar unha situación que se perfila sumamente complexa.
En consecuencia, múltiples, diversas e innovadoras deben ser as estratexias dende as que facer fronte a dar cumprida resposta aos innumerables interrogantes e esixencias derivadas destas doenzas.

Esixencias de recursos e de novas respostas é necesario abordalas dende as perspectivas política, educativa, médica, infraestrutural, terapéutica, psicolóxica, legal, social... Todo elo a prol da consecución dun proxecto común: a mellora da calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e outras demencias, dos seus coidadores e coidadoras e das súas familias.

Así, coa vontade de servir de punto de encontro entre profesionais, coidadores e coidadoras e estudantes, e de erixirse en eixo impulsor no que se ofrezan tempos e espazos para a reflexión conxunta, o dialogo e o enriquecemento mutuo a través do intercambio de ideas, perspectivas e propostas, nace este I Congreso Galego: O Alzheimer e outras Demencias na Sociedade de Hoxe

Organización e patrocinadores

O I Congreso Galego: O Alzheimer e outras demencias na sociedade de hoxe está organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo (AFALU).

O Congreso conta co patrocinio da Consellería de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Consellería de Sanidade, do Concello de Lugo, da Deputación Provincial de Lugo, de El Progreso, da Obra Social Caixa Galicia, da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias (FAGAL) e da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo.

Do mesmo xeito, conta coa colaboración da Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, o Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela, o Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social de Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), o Colexio de Enfermería de Lugo, o Ilustre Colegio Oficial de Médicos de Lugo, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, e a Nova Escola Galega.