O Concello creará mediadores interculturais e o Festival Encontro de Culturas para favorecer a integración dos inmigrantes

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

As oficinas de atención ós inmigrantes atenderon case 1.000 consultas no último semestre do 2006.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez González, renovaron o convenio de colaboración para este ano que permitirá ó Concello seguir ofrecendo un servizo de información e orientación ás personas inmigrantes e emigrantes retornados. No transcurso do acto, déronse a coñecer outras medidas para este ano que favorecerán a inserción destas persoas.

O Alcalde destacou que “ninguén emigra porque quere”. Avogou pola cooperación internacional para ser solidarios con aqueles pobos que o necesitan e procurar así o seu desenvolvemento. Pola súa banda, o Secretario Xeral destacou que “non pode haber integración efectiva senón temos a colaboración dos cidadáns que somos habitualmente residentes”. Manuel Luis Rodríguez subraiou que “a execución deste programa por parte do Concello de Lugo foi exemplar”, polo que felicitou “a eficacia” da institución.

O Concello de Lugo contabiliza hoxe 3.601 inmigrantes, ós que habería que sumar os emigrantes retornados. Froito deste convenio, a Secretaría Xeral aportará 67.435 euros para as oficinas de atención.

O convenio permite a realización dun programa integral de atención, orientación e asesoramento a inmigrantes e emigrantes retornados. Por segundo ano consecutivo, o Concello ofrecerá servizos como asesoramento xurídico e socio-laboral (tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar...), información sobre programas formativos e de orientación e inserción laboral, promoverá a incorporación dos inmigrantes ás redes sociais, etc.
Balance das oficinas

As oficinas de atención, situadas no centro social Uxío Novoneyra e no centro social da Milagrosa, teñen un ano de vida. Atenderon 925 consultas no último semestre do ano 2006, a maioría de Atención Primaria. Os principais usuarios procederon de Colombia, Brasil e Marrocos.
Ademais de cursos de informática e axuda a domicilio, así como grupos de alfabetización, estas oficinas van impulsar a creación de postos de traballo para erradicar a economía sumerxida na que se ven inmersas moitas persoas inmigrantes.

Actividades para o 2007
Con respecto a este ano, o Concello porá en marcha varias novidades. Crearanse os mediadores interculturais, un proxecto experimental da Consellería de Traballo dirixido fundamentalmente ós inmigrantes de culturas máis diferentes. Hai un compromiso de contratación cando se levan a cabo estes programas. O Concello contrataría un 30-40% das persoas formadas como mediadores.
O Concello celebrará o I Festival Encontro de Culturas, continuará coas axudas ó aluguer –que teñen entre os seus obxectivos prioritarios ás personas inmigrantes e emigrantes retornados- e publicará unha guía informativa que fará fincapé nos problemas femininos.