O Campionato Galego de Atletismo reúne este domingo en Lugo a máis de 600 atletas

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, presentou esta mañá o Campionato Galego de Atletismo Cadete e Xuvenil, que se celebrará o domingo día 20 nas pistas Gregorio Pérez Rivera a partir das 10:30 horas. O edil estivo acompañado polo Presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e polo Delegado en Lugo da Federación Galega de Atletismo, José Luis Perejón.

Esta competición achegará a Lugo a máis de 600 atletas de toda Galicia que disputarán as probas das distintas modalidades de atletismo (velocidade, valados, saltos, lanzamento, etc). Estas probas son puntuables para o vindeiro campionato nacional escolar que se celebrará en Ibiza.

O edil explicou que este campionato súmase ás carreiras de Corre con Nós, “o que supón un excelente estímulo para os deportistas lucenses que xa son un referente galego e nacional”, afirmou.

O Presidente da Federación Galega de Atletismo salientou que o domingo despregaranse medios técnicos e humanos equiparables aos das competicións internacionais de primeiro nivel. Un equipo de 20 xuíces, 15 axudantes de pista e 15 auxiliares de pista darán asistencia aos rapaces, que disputarán ata 70 competicións das que sairán os seleccionados para representar a Galicia en Ibiza. Ademais, estrearase un sistema de photo finish que é o único autorizado polas federacións para establecer as marcas de tempo.