O estudo medioambiental do PXOM humaniza o documento, segundo o Concelleiro de Urbanismo

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Comisión especial de Planeamento reuniuse para facer unha análise dos estudos medioambientais relativos ó Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Na xuntanza, presidida polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, estiveron presentes representantes dos distintos grupos políticos e técnicos municipais. Nela, deuse a coñecer, por parte do equipo redactor do PXOM, unha análise das tendencias medioambientais que se seguirán durante o prazo en que se prevé esté en vigor o Plan.

O Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, dixo estar “satisfeito” con esta xuntanza. “O equipo redactor explicou o documento medioambiental e a impresión foi que todos os presentes quedamos satisfeitos”. Cualificou a reunión de “cordial e con gran entendemento”.

Para Fernández Liñares a análise presentada “humaniza totalmente o Plan Xeral, nos aspectos de contaminación atmosférica, acústica, mobilidade urbana, áreas 30 ou rede ciclista”. O equipo de goberno di que este documento é unha aportación moi interesante para o PXOM, xa que o complementa e contribuirá ó desenvolvemento dunha cidade sostible.

Mobilidade urbana
O tráfico e a convivencia cos peóns, foron aspectos tratados tamén nesta comisión informativa, onde as redactoras explicaron as propostas que recolle o documento ó respecto , como a creación de vías para bicicletas en todo o termo municipal, calzadas de uso mixto, creación de itinerarios peonís ou áreas 30 na cidade.

O edil de Urbanismo tamén se referiu ás dúbidas plantexadas polos grupos políticos, entre elas destacou a pregunta do Bloque Nacionalista sobre a elevadora de auga potable: “o equipo redactor di que o PXOM é un modelo de ocupación do territorio que non debe interpretarse como que todo solo urbano, urbano non consolidado, urbanizable delimitado ou non delimitado, así como os núcleos rurais ou áreas de expansión, se van a poñer en carga urbanística dunha maneira inmediata”. Para Fernández Liñares o Plan é unha preparación legal para o uso futuro dese solo.

Obxectivo prioritario do Concello
En canto ós prazos para a aprobación provisional, Fernández Liñares destacou que ese é “o obxectivo prioritario do Concello” . Tamén dixo que, “sen que se poda interpretar como un compromiso estricto, a Comisión puxo sobre a mesa finais de outubro ou principios de novembro para esta aprobación provisional, se non hai máis atrasos por parte doutras administracións”. Nese momento será cando se contesten as alegacións.