A Piringalla mellora o seu alumeado con 52 puntos de luz

Sábado, 10 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

As rúas que rodean a Mar Catábrico, como Rei Chiquito ou Atalaya, forman parte dun proxecto de mellora do alumeado no barrio da Piringalla, que está xa en marcha.

Así o anunciou hoxe o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, que sinalou que esta obra era moi necesaria ao tratarse dunha das zonas máis deterioradas da cidade en canto a alumeado.

Indicou que o comezo das obras é inminente e suporá a instalación de todos os cadros necesarios para 52 puntos de luz.

A empresa adxudicataria da obra comezou xa os traballos de replanteo e marcaxe do proxecto, polo que nos próximos días comezarán os traballos de obra.

Este proxecto ten un orzamento de 197.967 euros e, segundo indicou Piñeiro, "suporá unha mellora significativa a este barrio, que verá aumentado o seu alumeado en datas próximas cunha segunda fase deste mesmo proxecto".

FONTE DO CASTIÑEIRO

Por outra banda, o Concelleiro explicou que a construcción de vivendas nunha obra de promoción privada é a responsable do corte de auga na fonte do Castiñeiro, "unha situación que pode considerarse normal e que se solventará en canto rematen esas tarefas".

O Concelleiro de Infraestruturas indicou que existe compromiso da empresa construtura de recuperar o manatial para que volva servir na praza do Castiñeiro.

Piñeiro pediu calma aos veciños e asegurou que, "tal e como se prometera, a fonte terá auga". O Concelleiro explicou que é un proceso normal que se produza a interrupción do cauce cando se realiza unha obra deste tipo "porque se profundiza moito no subsolo".

Engadiu que a fonte terá auga "aínda que este tipo de cousas non se solventan dun día para outro". Insistiu en que a empresa construtora será a que realizará a recuperación dese manantial, que agora mesmo está localizado e que se está reservando nun pozo.

Dixo tamén Piñeiro que o Concello era coñecedor da utilidade que aporta para o barrio esta fonte, "polo que cando se lle concedeu a licencia de obra chegamos a ese compromiso para que a fonte seguise funcionando".