Xuventude tingue as prazas de Lugo, este verán, de estilos urbanos da man do programa +Xti

Xornadas lúdicas de skatepark, exhibicións de BMX flatland, obradoiros de breakdance ou unha quedada de Street Workout son algunhas das actividades organizadas pola área que dirixe a edil Ana González Abelleira

Xoves, 09 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude tingue as prazas de Lugo, este verán, de estilos urbanos da man do programa +Xti

A área de Xuventude organiza para este verán, nas prazas de Lugo, un circuíto onde haberá demostracións de distintos estilos urbanos.

Comezará o martes, 28 de xullo, das 16:00 ás 20:00 horas, na Praza Roxa de Fingoi, onde a mocidade poderá vivir unha xornada lúdica de skatepark e gozar cunha exhibición de BMX flatland, unha especie de ciclismo artístico, misturado con breakdance, no que se realizan xiros coa bicicleta mantendo o equilibrio en numerosas posicións inesperadas.

Nesa mesma semana, o xoves 30 de xullo, tamén de 16:00 a 20:00 horas, na Praza de Augas Férreas haberá un obradoiro de breakdance e outro do deporte de equilibrio de slackline.

Xa en agosto, o día 1, de 17:00 a 20:00 horas, terá lugar unha quedada de Street Workout no Parque Rosalía de Castro. Para este evento é preciso inscribirse, o mesmo día da celebración e nas inmediacións do parque, antes das 18:30 horas. Repartiranse 400 euros en 15 premios e haberá retos de probas técnicas e de resistencia. Esta quedada contará con speaker e xurado.

O martes 4 de agosto, de 16:00 a 20:00 horas, a Praza do Castiñeiro converterase en escenario de parkour e o día 6 de agosto, no mesmo horario, a Praza de Augas Férreas será testemuña dun show de street football.

Todas as actividades, agás a quedada de Street Workout son abertas, non sendo precisa a inscrición. Están organizadas polo Concello, baixo o +Xti, subvencionado polo Plan Nacional de Drogas.

Multimedia

  • Xuventude tingue as prazas de Lugo, este verán, de estilos urbanos da man do programa +Xti
  • Xuventude tingue as prazas de Lugo, este verán, de estilos urbanos da man do programa +Xti

Noticias relacionadas