Uns 2.000 rapaces e rapazas recibirán clases prácticas de Educación Vial no Parque Infantil de Tráfico

Mércores, 07 de xaneiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá xoves 8 de xaneiro comezan as clases prácticas de Educación Vial organizadas pola Concellería de Educación, que dirixe Dolores Vieiro, e o Parque Infantil de Tráfico do Concello de Lugo para os escolares lucenses.

Os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de primaria de 25 centros da cidade realizarán prácticas de bicicleta e cart no Parque Infantil de Tráfico López Mella situado no parque de Frigsa.

Os primeiros estudantes en participar nestas clases serán os do colexio Fingoi que realizarán as prácticas a partir das 10:00 horas de mañá. Ata o 16 de xuño serán uns 2.000 rapaces e rapazas os que pasen por estas instalacións municipais.

Estas clases prácticas veñen a complementar as teóricas iniciadas no mes de outubro e que se impartiron nos 25 centros educativos do Concello de Lugo ata o Nadal. Cada grupo de alumnos asistiu a dúas horas de clase teórica de Educación Vial.