O Concello esíxelle a Goberno Central e Xunta que garantan a recollida do leite e a súa venda en condicións dignas

O Concelleiro de Medio Rural reclama a ambas institucións que “implanten con urxencia solucións políticas para este problema político”, que desencadeou “unha situación insostible” 

Miguel Fernández presentou unha moción plenaria na explotación Casa Taberneiro, que coñeceu da man dun dos seus propietarios, Marcelino Pita, quen lamentou que “en case 30 anos, é o peor momento que estamos pasando”

Martes, 21 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández durante a súa visita á Casa Taberneira

O equipo de goberno defenderá no vindeiro Pleno ordinario unha moción na que esixirá ao Goberno do Estado e á Xunta que modifique o decreto que desenvolve o paquete lácteo e elabore un plan coas comunidades autónomas para a recollida e posterior venda da produción leiteira en condicións dignas. Así o anunciou este luns o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, durante unha visita á explotación luguesa Casa Taberneira, unha das 3 mellores do municipio en canto a produción. O edil coñeceu as instalación da man dun dos seus gandeiros, Marcelino Pita. 

A defensa do sector lácteo foi un dos primeiros compromisos que adquiriu o Goberno local. Sumouse á Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo para que non se desmantele a gandería do leite. Así mesmo, participou a semana pasada na multitudinaria manifestación en Santiago de Compostela para esixir medidas en defensa do sector lácteo e ante os prezos que padecen. “Foi Feijóo quen presumía dunha suposta subida dos prezos do leite coa desaparación das cotas lácteas, sen embargo a realidade é que os nosos gandeiros venden ao prezo máis barato de España, sendo uns dos maiores produtores”, destacou Fernández, quen lembrou que o Concello fretou un autobús para asistir a dita concentración. 

“A Xunta de Galicia e o Goberno Central teñen a obriga de implementar solucións políticas para un problema político”, subliñou o Concelleiro, quen lle demandou a ambas institucións que, “sen demora e con urxencia implanten solucións políticas para este problema político”, garantan a recollida do leite, establezan uns prezos xustos de orixe que permitan unha vida digna, fixen uns contratos estables cun mínimos de duración de dous anos e propicien a obrigatoriedade da figura do mediador. 

No Concello de Lugo existen máis de 200 explotacións de vacún de leite, que dan emprego directo a unhas 500 persoas e que xeran empregos indirectos para un número bastante superior. “Se morre o sector lácteo, morre o rural”, aseverou o Concelleiro, ao tempo que destacou o peso da producción do leite no desenvolvemento do Concello e na pervivencia da vida na súa zona rural. 

“A pasividade do Goberno Central e da Xunta ante a desaparición das cotas e en canto á aplicación efectiva do paquete lácteo abocaron ás explotación de leite a unha situación insostible, moi crítica e dramática a nivel familiar”, subliñou o edil. 

A peor crise que viviu nunca o sector lácteo

Neste senso, incidiu o gandeiro Marcelino Pita, quen lamentou que “en case 30 anos que levamos traballando con vacas leiteiras, é o peor momento que estamos pasando”, pois non cubren gastos. Tamén denunciou o ataque que sofren os gandeiros, pois non soamente se reduciron os prezos do leite, senón que se aumentou o custe da luz, do gasóleo, dos concentrados ou dos medicamentos, elementos que se empregan a diario nunha explotación. “Se isto dura moito máis, non augantaremos, non queda máis remedio que pechar”, afirmou. 

Audio

  • Declaracións do concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández|Descargar mp3 

Noticias relacionadas