O Concello de Lugo solicita á Xunta a realización do estudo arqueolóxico necesario para avanzar na ordenación urbanística do Barrio do Carme

“Para que O Carme avance con garantías é imprescindible que se realice un estudo rigoroso, que non só dará seguridade xurídica aos propietarios e promotores, senón que permitirá protexer e potenciar un patrimonio histórico único”, apunto o edil de Urbanismo.

O escrito explica que a modificación puntual do PXOM que se está a impulsar para establecer a ordenación definitiva do PERI-6 require, necesariamente, o compromiso e a colaboración da Xunta, administración competente en materia de protección do patrimonio histórico.

“Temos unha oportunidade extraordinaria para construír cidade respectando a historia, pero para iso é imprescindible que a Xunta cumpra coa súa obriga e realice o estudo que lle corresponde”, manifestou Bustos.

Mércores, 03 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo solicita á Xunta a realización do estudo arqueolóxico necesario para avanzar na ordenación urbanística do Barrio do Carme

A área de Urbanismo do Concello de Lugo vén de solicitar formalmente á Xunta de Galicia a realización dun estudo arqueolóxico específico e completo no ámbito do PERI-6 do Barrio do Carme, unha das zonas de maior relevancia patrimonial da cidade e imprescindible para poder avanzar con garantías na súa ordenación urbanística. O escrito, remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, subliña que este traballo é imprescindible para dotar de seguridade xurídica o proceso de reforma urbanística e para protexer, conservar e poñer en valor o importante patrimonio histórico existente na área.

O documento lembra que o actual PXOM, aprobado pola propia Xunta en 2011, remitiu a ordenación detallada deste sector a un futuro Plan Especial, e que se trata dun espazo singular situado nas inmediacións da Muralla Romana, atravesado polo Camiño de Santiago e pola VíaRomana XIX, e con edificacións que, malia non estaren catalogadas, xa foron consideradas merecedoras de protección pola propia administración autonómica ao denegar solicitudes de demolición. Ademais, ao longo dos últimos anos realizáronse varias escavacións con resultados de grande interese histórico, que confirman a necesidade de completar a investigación arqueolóxica antes de definir novos desenvolvementos urbanísticos.

O Concello explica que a modificación puntual do PXOM que se está a impulsar para establecer a ordenación definitiva do PERI-6 require, necesariamente, o compromiso e a colaboración da Xunta, administración competente en materia de protección do patrimonio histórico, artístico e arqueolóxico en Galicia. Entre as actuacións solicitadas figuran a continuidade das escavacións arqueolóxicas, a delimitación precisa do trazado do Camiño de Santiago e da Vía Romana XIX ao seu paso polo Carme, e a identificación dos inmobles que deben ser obxecto de catalogación pola súa relevancia cultural ou arquitectónica.

O responsable da Área de Urbanismo, Jorge Bustos, destacou que “a Xunta debe asumir as súas competencias e cumprir co que lle corresponde por lei. Para que O Carme avance con garantías é imprescindible que se realice un estudo arqueolóxico rigoroso, que non só dará seguridade xurídica aos propietarios e promotores, senón que permitirá protexer e potenciar un patrimonio histórico único que segue agardando a ser investigado a fondo”.

O edil subliñou ademais que este paso é clave para desbloquear a ordenación urbanística dun ámbito estratéxico para o futuro de Lugo: “Non podemos elaborar unha proposta seria de planificación sen coñecer con exactitude que elementos arqueolóxicos existen, cales deben preservarse e como deben integrarse no barrio. O Carme é unha oportunidade extraordinariapara construír cidade respectando a historia, pero para iso é imprescindible que a Xunta cumpra coa súa obriga e realice o estudo que lle corresponde”.

O Concello agarda agora a resposta oficial da Xunta para poder continuar coa tramitación da modificación do PXOM e avanzar nun proxecto que permitirá dar seguridade, claridade e futuro a un dos barrios con maior identidade histórica de Lugo.

Audio

  • O edil da Área de Urbanismo, Jorge Bustos, sobre o estudo arqueolóxico do Barrio do Carme | Descargar mp3

Noticias relacionadas