O Concello consolida a renovación do alumeado rural con máis de 260 puntos de luz modernizados e un aforro enerxético do 70 %

O plan permitiu renovar 261 luminarias en máis de trinta parroquias cun investimento superior aos 104.000 euros.

As actuacións melloran a seguridade, a eficiencia enerxética e a calidade de vida no rural, con intervencións adaptadas a cada núcleo.

“Atender o rural é estar presente, coñecer o territorio e dar solucións reais ao día a día da veciñanza”, destacou o alcalde, Miguel Fernández. 

Martes, 23 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello consolida a renovación do alumeado rural con máis de 260 puntos de luz modernizados e un aforro enerxético do 70 %

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que nos últimos días visitou parroquias como Esperante ou San Xoán do Campo, onde se executaron recentemente estas melloras, subliñou que “atender o rural é estar presente, coñecer o territorio e dar solucións reais ao día a día da veciñanza”. O rexedor incidiu en que “este tipo de actuacións non son grandes titulares, pero si son fundamentais para mellorar a seguridade, o benestar e a calidade de vida das persoas que viven nas nosas parroquias”.

O Concello de Lugo consolida o seu modelo de renovación progresiva do alumeado público no rural tras completar a modernización de 261 puntos de luz en máis de trinta parroquias do termo municipal, cun investimento global que supera os 104.000 euros e un aforro enerxético medio do 70 %. Trátase dun balance dun plan desenvolvido ao longo do último ano, orientado a mellorar os servizos básicos no rural desde criterios de eficiencia, sostibilidade e equilibrio territorial.

As actuacións permitiron substituír antigas luminarias de mercurio por tecnoloxía LED de baixo consumo, reducindo de maneira moi significativa a potencia instalada —de arredor de 90 W a uns 27 W por punto de luz— e conseguindo así un importante aforro tanto no consumo eléctrico como no gasto municipal. Ademais, a mellora da iluminación repercute directamente na seguridade viaria e peonil, especialmente en vías rurais e núcleos dispersos.

Os traballos realizáronse en máis de trinta parroquias, con intervencións de distinta entidade adaptadas ás necesidades de cada lugar. En varios ámbitos acometéronse actuacións máis amplas, que incluíron a substitución masiva de luminarias, a restauración de placas, a elevación de puntos de luz e a modernización de cableados e conexións. Xunto a estas, executáronse tamén numerosas melloras puntuais en núcleos máis pequenos, reforzando a iluminación existente e corrixindo deficiencias detectadas no día a día.

Unha parte relevante destas actuacións realizouse coa participación directa das brigadas municipais, que levaron a cabo intervencións concretas como a instalación de cableado, colocación de postes e proxectores ou a mellora de liñas existentes. Para Miguel Fernández, “contar con medios propios permítenos actuar con rapidez, coñecemento do territorio e eficacia, dando resposta a moitas pequenas necesidades que son moi importantes para a veciñanza”.

Este balance confirma a aposta do Goberno local por un modelo de mantemento e mellora continua do alumeado rural, baseado na eficiencia enerxética, na boa xestión dos recursos públicos e na igualdade de servizos entre o ámbito urbano e o rural. “Seguiremos traballando nesta liña, porque gobernar tamén é coidar do cotián e garantir que vivir no rural sexa sinónimo de calidade de vida”, concluíu o alcalde.

Noticias relacionadas