Lara Méndez dá a benvida aos participantes na 6ª edición do Inicia Coworking, co que o Concello formará a 26 novos emprendedores

A alcaldesa e a directora xeral da EOI saudaron aos novos alumnos e alumnas que comezaron a súa formación gratuíta e individualizada, de forma online.

Lara Méndez: “Este programa constitúe unha ferramenta moi útil para innovar e desenvolver un proxecto exitoso nun momento de especial dificultade”.

En total foron seleccionados 22 proxectos, o 60% dos mesmos promovidos por mulleres, relacionados co sector terciario e as novas tecnoloxías.

Será a segunda edición nacida en pandemia. Da primeira edición, 15 negocios, o 70% dos presentados, están xa facturando.

Martes, 13 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez dá a benvida aos participantes na 6ª edición do Inicia Coworking, co que o Concello formará a 26 novos emprendedores

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na inauguración online da sexta edición do programa Inicia Coworking, promovido polo Concello coa colaboración da EOI (Escola de Organización Industrial) e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. A través desta iniciativa, ofrécese ás e aos participantes, de xeito individualizado e totalmente gratuíto, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de carácter emprendedor e innovador.

A rexedora, xunto coa directora xeral da EOI, Nieves Olivera, deu a benvida aos 26 novos alumnos e alumnas que comezaron a súa formación. Por segunda edición consecutiva, e con motivo da pandemia, esta realizarase de forma online, a través da plataforma da EOI “Blackboart Collaborate”, seguindo o modelo de ensinanza e-learning.

Lara Méndez subliñou que “este programa constitúe unha ferramenta moi útil para innovar e desenvolver un proxecto exitoso nun momento de especial dificultade pola crise que nos tocou vivir. Neste senso, estamos moi satisfeitos de ter apadriñado aos primeiros emprendedores de Lugo nacidos en pleno confinamento, a través da quinta edición do Coworking celebrada o pasado ano”.

Neste senso, animou aos novos seleccionados a aproveitar esta oportunidade, e lembrou que da última edición, 15 persoas conseguiron poñer en marcha os seus negocios, e atópanse facturando actualmente, o que supuxo o 70% dos participantes. Trátase de novas empresas no campo do turismo, a enxeñaría, a hostalería, a arte, a sustentabilidade e a innovación, entre outros.

Para esta nova edición, foron seleccionados 22 proxectos, que desenvolverán un total de 26 emprendedores, pois 4 dos mesmos se corresponden con equipos formados por dúas persoas. Ademais, o 60% dos proxectos están desenvolvidos por mulleres, e a franxa de idade dos participantes oscila entre os 22 e os 59 anos.

Entre os negocios a desenvolver a maioría están relacionados co sector terciario (moda, fotografía, gastronomía, cultura...) e coas novas tecnoloxías (ecommerce, marketing, desenvolvemento web, ciberseguridade...).

Máis de 350 postos creados

O programa constará de 60 horas lectivas, durante as cales os participantes se formarán en ámbitos como a metodoloxía Lean-Canvas, o desenvolvemento e a validación do modelo de negocio, o plan comercial e as técnicas de venda, a oratoria, ou o plan de márketing dixital, entre outros aspectos. Ademais, contarán con titorías personalizadas que lles axudarán a materializar a súa idea de negocio.

Esta iniciativa diríxese, polo tanto, a emprendedoras e emprendedores lucenses que contan cunha idea de negocio e desexan realizar un proxecto viable para poñer en marcha as súas propias empresas, ou ben, mellorar a competitividade das mesmas, ofrecéndolles asesoramento individualizado e totalmente de balde.

O Inicia Coworking está avalado polas súas edicións anteriores, pois xa participaron 110 persoas que puxeron en marcha máis de 60 proxectos, creándose 350 postos de traballo directos, máis os indirectos, e cun índice de supervivencia do 75% das empresas que xurdiron a raíz desta iniciativa.

Noticias relacionadas