Xuventude organiza un Encontro de Novas e Novos Creadores para impulsar a produción artística entre a mocidade

A actividade, que terá lugar entre o 14 e o 19 de setembro, pretende favorecer, entre os participantes, a creación de sinerxías e redes construtivas a través da convivencia

Luns, 31 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude organiza un Encontro de Novas e Novos Creadores para impulsar a produción artística entre a mocidade

A área de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, organiza e convoca un Encontro de Novas e Novos Creadores de 6 días dirixido á mozidade de entre 18 e 35 anos con inquietudes afíns ás artes e á produción artística en calquera das súas disciplinas.

“A convivencia – sinalou a edil -  é un factor esencial por tanto, búscase, amparada nela, a interactividade das e dos participantes, co fin de xerar sinerxías e posibles redes construtivas, de maneira que os espazos de traballo e de aloxamento deberán ser compartidos polo grupo aínda que algún membro resida na mesma localidade”.

A concelleira destacou que, dende a organización, se considerou aconsellable para o grupo manter a unidade ao longo dos encontros. E así, propúxose unha residencia comunal e,  de modo similar, un local compartido, amplo e con recursos axeitados, como obradoiro.

“Facilitaranse as condicións necesarias cubrindo todos os gastos ocasionados. A hospedaxe e a manutención de cada artista durante os Encontros de Arte correrá a cargo da organización e tamén se contempla unha axuda para os desprazamentos de 300 €, en concepto de honorarios”, abondou Ana González.

“Trátase dunha proposta que invita a compartir o proceso creativo dos artistas por medio dunha experiencia cruzada na que impere a xenerosidade. Ademais, esta residencia completarase con visitas a diversos puntos de interese da cidade, museos, centros de arte e espazos culturais, puntos de interese turístico e por suposto, visitas a talleres de artistas locais de renome, abrindo deste xeito as portas de Lugo aos visitantes e ao mesmo tempo facendo participe das residencias ao resto da poboación para que sexa unha experiencia enriquecedora para toda a sociedade”, engadiu a responsable de Xuventude.

Requisitos

Os e as creadoras que desexen participar na convocatoria deberán enviar a info@espaciolupa.com, até o 7 de setembro ás 24:00 horas,  unha memoria, que conteña ademais dos seus datos persoais, o currículum e un dossier gráfico e aportala en formato PDF, non superando as 15 páxinas nin os 10 MB de peso.

O Encontro de Novas e Novos Creadores, do que xa se poden consultar as bases na páxina web municipal, terá lugar entre o 14 e o 19 de setembro e as obras realizadas pasarán a formar parte do patrimonio cultural de Lugo e serán exhibidas nos seus espazos públicos ou nos que a organización considere oportunos.

Máis info

  • Bases do Encontro de Novas e Novos Creadores 2020 | Descargar pdf

Noticias relacionadas