O Goberno de Lara Méndez destina máis de 500.000 euros a dotar dun centro de respaldo que evite incidencias na E-Administración

O executivo levará á próxima Xunta de Goberno a licitación do equipamento para dotar ao Concello dun novo Centro de Proceso de Datos, co que garantir o acceso á sede electrónica e ao resto de servizos municipais, no caso de caída dos servidores actuais

Esta iniciativa enmárcase na estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible DUSI Muramiñae, financiada ao 80% con fondos europeos

Luns, 14 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez destina máis de 500.000 euros a dotar dun centro de respaldo que evite incidencias na E-Administración

O executivo de Lara Méndez levará á próxima Xunta de Goberno Local a licitación do equipamento para dotar ao Concello de Lugo dun novo Centro de Proceso de Datos (CPD) de respaldo, para o que destinará unha partida de 507.555 euros. O CPD é o espazo onde se concentran os recursos necesarios para o procesamento de toda a información relativa aos diferentes servizos que presta a administración local.

Actualmente, o Concello dispón dunha sala CPD no Centro de Servizos Municipais ubicado no Seminario. Esta sala conta cunhas medidas especiais de seguridade, para evitar un posible apagón, no caso de que se fose a luz, ademais dunhas condicións específicas de climatización. A posta en marcha dun novo sistema de respaldo permitirá que, en caso de incidencias graves ou de desastres que inutilicen total ou parcialmente o centro de datos actual, os servidores do Concello continúen funcionando, a través deste segundo CPD.

O obxectivo, polo tanto, e evitar posibles caídas nos servidores do Concello, os cales dan acceso a múltiples datos como o pago de recibos, o padrón, a propiedade de inmobles, ou á propia Sede Electrónica, e garantir a continuidade do servizo aos traballadores municipais, cidadáns, proveedores ou empresas que se relacionan coa administración local a través de internet.

A licitación inclúe o suministro, configuración e instalación do equipamento necesario para poñelo en funcionamento, así como o seu mantemento por un período de dous anos. Esta iniciativa enmárcase na estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible DUSI Muramiñae, financiada ao 80% con fondos europeos.

En concreto, a creación do novo centro de proceso de datos contribuirá ao obxectivo específico de impulsar proxectos tecnolóxicos de incorporación das TIC aos servidores públicos municipais, así como á aposta pola modernización da administración electrónica que persegue o goberno de Lara Méndez, eido no que tamén se está a traballar a través do proxecto Lugo Smart City.

Noticias relacionadas