O Concello de Lugo avanza na implantación da E- Administración dotando aos servizos municipais de 300 ordenadores novos

A área de alcaldía investirá preto de 220.000 euros na modernización dos equipamentos informáticos para incrementar a eficiencia das relacións coa cidadanía

O contrato de subministración se autorizaba esta mañá en Xunta de Goberno Local, nunha sesión na que tamén se concederon catro licenzas urbanísticas

Mércores, 18 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo avanza na implantación da E- Administración dotando aos servizos municipais de 300 ordenadores novos

Os servizos municipais disporán, nas próximas semanas, de 300 ordenadores novos.

Equipamentos que contribuirán á renovación dos dispositivos actuais e cos que se pretende non só avanzar na implantación da administración electrónica senón tamén dotar ao persoal de ferramentas áxiles para que poidan desenvolver o seu traballo coa maior eficacia posible en beneficio da cidadanía.

Esta mañá, a Xunta de Goberno Local adxudicaba a súa adquisición á empresa Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SAU, por valor de 218.551’75 €, que deberá facer entrega do material informático nun prazo de doce semanas dende a data de sinatura do contrato.

Tamén na sesión desta mañá, o executivo de Lara Méndez, procedeu a autorizar a prórroga, ata decembro de 2021, da subministración de combustible para calefacción nas dependencias municipais, un abastecemento ao que se destinan, anualmente 40.000 euros.

Por outra banda, esta semana foron outorgadas catro licenzas para diferentes actuacións urbanísticas. A máis cuantiosa, a rehabilitación da fachada nun inmoble da rúa Río Sil, na que se investirán 136.326’20 euros. Tamén se aprobou a construción dunha vivenda unifamiliar, na parroquia de Outeiro, orzamentada en 85.101 euros, así como a ampliación e división en dous locais dun baixo na rúa Río Lor, por valor de 39.314’04 euros, e a reforma dos accesos dunha edificación na Avenida da Coruña, cun importe de 32.720 euros, alén dunha reorganización parcelaria en San Pedro de Calde.

E xa en materia de persoal, o equipo de goberno validou as bases específicas para acceder, en quenda libre, a unha praza de arquiveiro/a pertencente ao cadro de persoal funcionario do Concello de Lugo, e deu o visto bo á continuidade, durante o próximo exercicio, das comisións de servizo da xefatura do negociado delineante e dun policía local e aos nomeamentos para a cobertura temporal, tamén en comisión de servizo, de dous postos de auxiliar administrativo/a da Administración Municipal e da Facenda Local, do/a adxunto/a de servizo de Parques e Xardíns e de celador/a para o Colexio de Paradai.

Noticias relacionadas