O 91% dos lucenses cre que o cambio climático é unha realidade e o 84,5%, que a solución ven man da man dun compromiso entre cidadanía e institucións

O Concello de Lugo realiza unha enquisa a preto de 400 cidadáns de cara á posta en marcha das accións do proxecto LIFE para a construción de cidades sostibles

Lara Méndez: “Os resultados da mostra confirman a preocupación xeral da cidadanía polo cambio climático e poñen de manifesto a necesidade de investir en políticas públicas e medidas coas que reverter os seus efectos e consecuencias"

Un 77,5% dos enquisados aposta por fomentar o uso da bicicleta como medio principal de transporte urbano e máis do 80% considera necesario ampliar as zonas verdes urbanas e o uso de enerxías renovables

O 68% dos empresarios ve necesario implementar un modelo de economía circular como fórmula que lle permitirá identificar e crear novas oportunidades de negocio

Sábado, 06 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O 91% dos lucenses cre que o cambio climático é unha realidade e o 84,5%, que a solución ven man da man dun compromiso entre cidadanía e institucións

Unha enquisa realizada polo Concello revela que un 91% da veciñanza lucense considera que o cambio climático é unha realidade e citan, entre os principios cambios que perciben, as dificultades para diferenciar as estacións e que antes facía menos frío.

Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa que elaborou o Concello de Lugo no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, posto en marcha polo Goberno da alcaldesa Lara Méndez con fondos europeos no cal participan o Campus Terra e a Universidade Politecnica de Madrid (UPM). Foi realizada antes da pandemia, entre decembro de 2019 e xaneiro de 2020, e recolle preto de 400 respostas a preguntas encamiñadas a coñecer a opinión dos diferentes actores lucenses sobre o cambio climático na contorna urbana “para ter unha visión máis precisa do que queren e necesita a veciñanza”, sostén a rexedora.

A sondaxe foi elaborada polo equipo que traballa na planificación en Lugo do primeiro barrio multiecolóxico de España, “barrio que será un referente na construción das cidades sostibles e resilientes do futuro e que, vistos os problemas que sufrimos no confinamento, nacerá xa preparado para dar unha mellor resposta de habitabilidade e de novos espazos urbanos. Esta crise reafírmanos na nosa idea de que imos avanzando no bo camiño”, avanza Lara Méndez.

O novo barrio, que se desenvolverá na zona da Garaballa, busca asegurar unha estratexia territorial integrada, garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional e conformar unha oferta de vivenda para todos, así como promover a saúde e o benestar.

Desastre ambiental

A enquisa tamén reflicte que, preto do 80% dos enquisados considera que, de non actuar a tempo, o planeta encamíñase cara o desastre medioambiental, e un 75,6%  sostén que afectará máis aos países ricos.  En cambio, só un 20% estima que se lle está a dar a esta cuestión a importancia que realmente ten.

Por outra banda, case o 80% dos entrevistados afirma que o cambio climático non só afectará a súa saúde ou modo de vida, senón tamén as xeracións futuras, o que pensan un 91% das persoas. Para o 85% dos enquisados, a solución debe ser conxunta entre todos os actores (cidadanía e institucións).

En canto aos hábitos de vida sostibles, dous terzos dos enquisados asegura que emprega medios alternativos ao coche nos seus desprazamentos e poñen en práctica medidas no fogar para reducir a súa pegada ambiental, como a reciclaxe, o aforro de auga ou o aforro enerxético. Así mesmo, para un 77,5% dos participantes é necesario fomentar o uso da bicicleta na cidade como medio principal de transporte urbano e máis do 80% ve necesario ampliar as zonas verdes urbanas e o uso de enerxías renovables.

Entre as medidas que a cidadanía pon en marcha para reducir a pegada ambiental, a maioría fala de reciclaxe de lixo e de aforros enerxéticos e de auga, aínda que o 62,9% afirma que o fai por motivos económicos, un 29,8% por motivos ambientais, e só un 7,3% por ambos os dous.

A enquisa tamén apunta que un alto porcentaxe da cidadanía (65%) considera que non ten suficiente información sobre o cambio climático.

Economía circular

Os e as lucenses amosan na enquisan coñecementos sobre a chamada economía circular, pero se aprecia que ao redor do 50% non ten claro que a esta vaia a cambiar o actual modelo económico, que sexa rendible para empresas e cidadáns ou que axude a mitigar os efectos do cambio climático.

Dos empresarios que contestaron a enquisa, o 68% ve necesario implementar un modelo de economía circular na súa empresa e, como motivo principal, aduce que lle permitirá identificar e crear novas oportunidades de negocio. O 62% tamén cre que as empresas que invisten en sostenibilidade son máis rendibles.

“Os resultados da mostra confirman a preocupación xeral da cidadanía polo cambio climático e poñen de manifesto a necesidade de investir en políticas públicas e medidas coas que reverter os seus efectos e consecuencias”, engadiu Lara Méndez

A enquisa realizouse a través dos seguintes medios:

  • Páxina web do Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico
  • RRSS do Concello de Lugo
  • Distribución mediante correo electrónico a:
    • Asociación de Empresarios de Ou Ceao As
    • Gandaras Confederación de empresarios de Lugo
    • Asociación de novos empresarios de Lugo
    • Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo
    • COAG Lugo
    • Federación de asociacións de veciños de Lugo
  • Distribución a través de cuestionarios impresos aos veciños afectados polo futuro barrio multiecolóxico de Lugo
  • Enquisas aos cidadáns a pé de rúa

Noticias relacionadas